A OMIX de Mos organiza unha exposición de cadros feitos con cervexa

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A artista é unha moza mosense de 30 anos de idade, Inia Vilar

 

A concelleira de Participación Cidadá, Kely Monzón, informou esta mañá da vindeira celebración no Pazo de Mos dunha exposición de pinturas realizadas con cervexa a cargo da pintora mosense Inia Vilar.

 

A mostra terá as súas portas abertas ó público do 22 de febreiro ó 2 de marzo e constará dun total de 12 obras. Inia Vilar elabora as súas pinturas cunha técnica singular a base de diferentes tipos de cervexa e esencias naturais.

 

Inia comenzou a empregar no seu traballo artístico pinturas elaboradas a base de cervexa accidentalmente. Un día a artista, estando xunto a Pablo Paz, cervexeiro artesanal, derramou cervexa sobre a mesa e ó secala cunha servilleta de papel, reparou sobre as diferentes tonalidades impregnadas na mesma. Foi entón cando interesándose polos coñecementos do cervexeiro, investigou sobre as modalidades de cervexa máis densas e as que mellor pigmentan, para a continuación, elaborar as súas propias receitas para crear tonalidades nas que mistura cervexa e esencias naturais.

 

A primeira obra da artista mosense con esta técnica foi un cartel para a cervexa Summun do artesán cervexeiro Pablo Paz.

 

Inia Vilar naceu o 9 de abril de 1982 en Mos, estudiou Imaxe Persoal e Beleza, profesión á que se adica na actualidade, compaxinándoa coa súa pintura. Leva dende cativa pintando de xeito autodidacta e a próxima mostra no Pazo de Mos é a primeira exposición que fai da súa obra.

 

Xoves creativos

 

A edil Kely Monzón quixo aproveitar o anuncio desta mostra para animar a tódolos mozos e mozas mosenses que desenvolvan algún tipo de actividade creativa, a que se poñan en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX, da concellería de Participación Cidadá de Mos, dende onde se lles axudará e se lles apoiará, na medida do posible, á difusión da súa obra.

 

Inia Vilar foi a primeira xove mosense que se puxo en contacto con este departamento municipal para darlle a coñecer o seu traballo artístico, pero Monzón espera “que sexa a primeira dunha longa lista de mozos mosenses creativos con inquietude por dar a coñecer as súas creacións”.