A parroquia mosense de Pereiras acolle unha sesión informativa sobre o Plan de Emerxencia de Syngenta

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Será mañá ás 20.00 horas no local social Os Castros da A.V.V. Nosa Terra de Pereiras

 

O Concello de Mos informa da celebración dunha reunión informativa sobre o Plan de Emerxencia Exterior da empresa Syngenta-Agro que terá lugar mañá martes 26 de novembro ás 20.00 horas no local social Os Castros da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras.

 

Neste acto procederase á explicación do protocolo de actuación en caso de emerxencia na citada empresa. Na reunión estarán presentes, entre outros axentes implicados, un representante da Xunta de Galicia, unha persoa do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello e un representante da empresa Syngenta, situada no Polígono da Relba.

 

O obxecto desta charla é que sexa difundido entre a poboación interesada o Plan de Emerxencia Exterior da empresa Syngenta Agro requirido pola Xunta de Galicia en aras de evitar e previr o risco químico e fomentar as medidas de autoprotección. Na mesma, informarase sobre as pautas de actuación dos veciños, residentes no entorno, no caso de que se produza unha emerxencia química e sexa activado o Plan de Emerxencia Exterior no devandito establecemento industrial.

 

O Plan de Emerxencia Exterior é o documento que establece o marco orgánico e funcional de actuación co obxectivo de previr e, no seu caso, mitigar os efectos dos accidentes previamente analizados, avaliados e clasificados que se puideran producir na instalación industrial, limitando as consecuencias para a poboación, os bens e o medio ambiente do entorno.

 

Información á poboación e simulacro

 

No marco da campaña na que se enmarca a reunión de mañá en Pereiras realizaranse sesións informativas aos responsables dos colexios e ANPAs da zona, así como en centros sanitarios e garderías. En tódalas sesións, incluída a de mañá, entregaranse folletos informativos sobre o plan, que recollen as pautas a seguir en cada situación.

 

Así mesmo, a campaña finalizará o vindeiro 13 de decembro coa realización dunsimulacro de activación do Plan de Emerxencias Exterior, no que se accionará a serea de aviso á poboación para que os veciños da zona se familiaricen co seu son e sexan capaces de identificalo no caso hipotético de activación do plan.

 

Aposta pola prevención

 

Desde a Xunta de Galicia quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Os plans de emerxencias teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industrias e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

 

As normativas europea (directiva SEVESO) e estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar planes de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais.