A poboación mosense poderá beneficiarse dunha nova oferta formativa totalmente gratuíta da man de Eurural

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase do curso de ‘Elaboración artesanal de ungüentos naturais’ do programa ‘Coas mans na masa’

 

A Axencia de Colocación do Concello de Mos acolle unha nova acción formativa da Escola Eurural. Aínda está aberta a inscrición para o curso de ‘Elaboración artesanal de ungüentos naturais’ do programa ‘Coas mans na masa’.

 

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha unha nova edición do programa ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo organizado ao abeiro da Escola Eurural que ten por obxectivo achegar valor engadido a produtos do sector primario a través da transformación da abundante materia prima do territorio en produtos de gran calidade e á súa conservación para a posterior comercialización. Nesta cuarta edición regresa o curso de elaboración artesanal de ungüentos naturais, dando así a oportunidade a todos os concellos do GDR 14 de desfrutar de actividades que sempre contan cunha alta demanda por parte da poboación.

 

No seu caso, o concello de Mos acolle os vindeiros 19 e 20 de abril a acción formativa sobre a ‘Elaboración artesanal de ungüentos naturais’, na que as persoas interesadas poderán aprender a crear cremas, pinturas, aceites… con recursos naturais tamén presentes na contorna.

As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web de Eurural. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas de forma presencial e con todas as medidas de seguridade necesarias para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso e non poderán realizar a actividade quenes non se teñan inscrito previamente e se lles confirmara a dispoñibilidade de praza por parte de Eurural.

 

Escola Eurural.

 

O programa ‘Coas mans na masa’ nace ao abeiro da Escola Eurural, creada en 2017 como ferramenta para canalizar todas as accións formativas que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural organiza no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Mos, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

 

A Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa da AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio, recolle a aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.