A Policía Local de Mos desmantela unha actividade ilegal de palés de madeira

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Dedicábase aparentemente á compra-venda de palés, así como á fabricación de pequenos mobles e estruturas derivadas da reciclaxe destes

O pasado venres día 5 de xullo, axentes da Policía Local de Mos procederon a desmantelar unha actividade ilegal dedicada aparentemente á compra-venda de palés de madeira, así como á fabricación de pequenos mobles e estruturas derivadas da reciclaxe destes, que se atopaba na Estrada Alcalde Segundo Pampillón, na parroquia de Sanguiñeda.

Tras varias queixas veciñais e posterior seguimento por parte dos axentes da actividade en cuestión, púidose comprobar nunha primeira actuación o día 15 de xuño, que o seu titular, veciño de Mos, atopábase traballando sen figurar inscrito en ningún réxime da seguridade social e sen estar dada de alta a actividade no Concello de Mos, procedendo os axentes encargados á realización das respectivas denuncias.

A Policía Local de Mos, seguiu virando visitas polo lugar e realizando as investigacións pertinentes, e así o venres día 5, levou a cabo unha actuación por parte de 4 axentes, na que se iniciaron os trámites que derivaron en denuncias ante a inspección de traballo e seguridade social, estranxeiría, facenda e tráfico, así como nun atestado policial por un presunto delito de defraudación de fluído eléctrico.

Na operación identificáronse, a parte do titular da actividade, que seguía sen darse de alta na seguridade social, a dous traballadores máis en situación irregular, un deles de nacionalidade venezolana. Comprobouse así mesmo, que o inmoble, en réxime de aluguer, presuntamente non declarado, permanecía enganchado á rede eléctrica de xeito clandestino, e para finalizar, utilizaban un camión para o transporte de palés, que permanecía sen ser presentado á ITV desde o ano 2012.