A programación municipal con motivo das Letras Galegas inclúe música e teatro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebraranse dous grandes concertos, o de Andrea Pousa no Pazo de Mos e o de Rosa Cedrón coa Banda de Música Xuvenil de Torroso no Centro Dotacional da devandita parroquia

O Concello de Mos informa da programación municipal con motivo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antón Fraguas.
O programa de actividades comezará un día antes das Letras, o xoves 16 de maio, cun concerto de Andrea Pousa ás 22.00 horas nos exteriores do Pazo de Mos. Pousa contará coa colaboración da bailarina acróbata aérea Rebeca Santos nun espectáculo incluído no Musigal e organizado polo Concello de Mos coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
O propio Día das Letras Galegas, venres 17 de maio, dará comezo ás 11.30 horas no auditorio do Centro Dotacional de Torroso, o Festival Letras Galegas 2019 en Homenaxe a Antón Fraguas.
O sábado 18 de maio ás 20.00 horas haberá un concerto de Rosa Cedrón e da Banda de Música Xuvenil de Torroso no auditorio do Centro Dotacional de Torroso.
E por último, o domingo 19 de maio ás 18.00 horas a programación das Letras 2019 clausurarase cunha actividade do programa municipal Ocio en Familia consistente nunha actuación de Migallas teatro que representarán, tamén no auditorio de Torroso, a obra “Un avó moi especial”. Función teatral sobre como normalizar entre o público infantil a existencia da doenza do Alzhéimer nun membro da familia. Trátase dunha iniciativa con motivo do 25 aniversario de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia) que xestiona o Centro de Día de Petelos e traballa conxuntamente co Concello de Mos.