A próxima primavera iniciaranse as obras de mellora da seguridade vial no cruce de Costa da Morte cunha semirrotonda

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa mosense e técnicos municipais visitaron esta mañá a zona para aportalle á veciñanza detalles sobre os traballos a acometer pola consellería de MATI

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Méndez, o edil mosense da parroquia de Cela, Cándido Pérez, e o arquitecto municipal do departamento técnico de Urbanismo visitaron esta mañá o cruce de Costa da Morte para realizar ante os veciños e veciñas interesados (entre os que se atopaba o presidente da Asociación de Veciños Celado, de Cela, Evaristo Ucha) unha exposición técnica sobre os traballos que a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia vai acometer na estrada PO-331 que vai de Porriño a Gondomar. Trátase dunha mellora da intersección da zona mosense chamada de Costa da Morte, ubicada exactamente no punto kilométrico 3+440.

 

A rexedora local anunciou que as obras comezarán a vindeira primavera e prevese que estean rematadas de cara a finais do próximo ano 2014, e explicou que esta importante obra inclúe dúas actuacións principais. Por unha banda, a creación dun carril intermedio de espera en sentido descendente para acceder ó Camiño de Costa da Morte. E por outra banda, a creación dunha isleta central ou semirrotonda que permitirá tres accións: a incorporación en sentido ascendente a San Cosme, a incorporación en sentido Porriño e un cambio de sentido; esta última acción poderá realizarse xunto á fonte pública, nun espacio habilitado no sobrante da estrada da traza antiga.

 

Arévalo declarábase esta mañá satisfeita ante a mellora que vai a acometer a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no cruce de Costa da Morte, xa que “esta nova intersección mellorará notablemente a seguridade vial, dado que o cruce se atopa entre dúas curvas tratándose dun punto con escasa visibilidade, problema que quedará solventado coa semirrotonda”, explicaba a alcaldesa.

 

Detalles da obra

 

Como xa se dixo, as obras localízanse na propia estrada PO-331, (Torneiros -Gondomar) que pertence á Rede Primaria Complementaria da Xunta de Galicia, a situación precisa encóntrase na parroquia de Cela en Mos, na coñecida como fonte de Atín no quilómetro 3 +500. A finalidade e o uso das obras proxectadas será a de acondicionar axeitadamente a intersección da fonte de Atín no acceso este de Sequeiros.

 

Na actualidade o acceso da estrada municipal presenta un elevado risco de accidente polo inadecuado xiro á dereita que se require para acceder a Sequeiros e á escasa visibilidade nos puntos 3 +350 e 3 +430 en ambos os dous sentidos. Por outra parte a pendente da estrada, próxima ao 6%, a presenza do manantial que provoca que a zona sexa moi húmida e que o arboredo actual fai a zona umbria, vese agravada a perigosidade que supón a escasa visibilidade. Na estrada actuarase nunha área duns 3.500 m2, sobre unha lonxitude de 275 metros e nun ancho medio de calzada de doce metros, onde se acondicionará un novo acceso mediante unha semirrotonda, cos seus carrís de espera, de aceleración e desaceleración. Construirase unha nova drenaxe e se ensanchará a calzada cun muro de dique de 134 metros de lonxitude e unha altura media de 1,75 metros.

 

As obras de fábrica inclúen a construción do muro de dique que se executará con recortes de canteira, o cal se terá un volume de rocha próximo a 750 m3, onde a altura máxima será de 2,30 metros e a cimentación levará un recheo de formigón para facer un apoio ciclópeo.

 

O proxecto considera tamén a construción dunha nova drenaxe transversal mediante a execución de tres drenaxes profundas, un colector de 90 metros lonxitude de formigón armado de 600 milímetros de diámetro que recollerá os rebordeos do manancial e as pluviais da zona e conduciraas cara ao punto de descarga actual. O proxecto considera a reconstrución da cuneta actual, a construción de tres novos sumidoiros e as baixantes que permitan desaugar axeitadamente a drenaxe profundo da actuación.

 

No capítulo da iluminación pública previuse soterrar a liña de iluminación nunha lonxitude de 135 metros e montar catro columnas de quince metros con luminarias de 400 watios, no capítulo tamén se inclúe unha partida destinada aos labores de desmontaxe da iluminación actual e os labores de enganche e legalización da rede a construír.

 

Os pavimentados consideran un total do 935 toneladas de mestura bituminosan en quente. Co fin de reconstruír a capa de rodadura da actuación considérase a posta en obra de 3 centímetros de asfalto F10 sobre a totalidade dos 3.700 m2 de superficie da obra, fresando para iso as cabezas.

 

O orzamento das obras, I.V.A. incluido, ascende á cantidade de 320.973,83 euros íntegramente finaciados pola administración autonómica.