A reforma do Pavillón Pena de Francia estará rematada a mediados deste mes

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Unha vez rematada a obra, que avanza a bo ritmo, a instalación deportiva levará o nome da atleta mosense Soledad Castro

A obra de reforma da cuberta e fachadas do Pavillón Pena de Francia, que levará o nome da atleta mosense Soledad Castro tras a súa rehabilitación, avanza a bo ritmo e estará rematada a mediados deste mesmo mes. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou os traballos acompañada de técnicos municipais.
Un convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte, a Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Concello de Mos permitiu a execución desta obra de reforma e de susbstitución de material de cubrición e fachadas no Pavillón Pena de Francia.
A reforma do Pavillón ten un orzamento de 100.000 euros a asumir a tres bandas entre a Secretaría Xeral para o Deporte (50.000 euros), a Dirección Xeral de Administración Local (40.000 euros) e o Concello de Mos (10.000 euros). Tras a reforma celebrarase un acto con Soledad Castro, que dará nome ao novo pavillón de Pena de Francia.
O proxecto de obra do Pavillón Pena de Francia inclúe a substitución da cuberta do pavillón para solucionar as humidades na zona de xogo procedentes das escorrentías de augas da zona alta da parcela e as filtracións na cuberta, pranchas movidas e posiblemente rotas, debido ao efecto do vento no interior do recinto.
O Pavillón Pena de Francia foi parcialmente derruido polo temporal do pasado ano 2017 (mes de febreiro). Reparáronse as paredes caídas, vestiarios e pista, pero era tamén necesaria a reforma da cuberta que se iniciará o mes que ven.
Actuacións xa realizadas
A administración local mosense logrou financiación autonómica para o cambio do solo da instalación deportiva e a reforma dos vestiarios, xunto co levantamento das novas paredes que asumiu o seguro e a acometida do tellado da que se fixo cargo o propio Concello.
A reforma xa realizada financiouse unha parte con cargo ao seguro, outra con fondos propios municipais e unha terceira parte, a correspondente ós traballos de drenaxe, foi asumida pola Xunta de Galicia.
As obras executadas no pavillón consistiron fundamentalmente na reposición total das paredes, cuberta e o solo. Máis detalladamente os traballos realizados foron limpeza e retirada de todos os entullos, limpeza da primeira fiada de bloque, que se atopaba delimitando perimetralmente as dúas fachadas, escavación das dúas fachadas para a realización da cementación das paredes, formigonado e armado da cementación para enlazar as paredes, realizar unha repartición da lonxitude total da fachada en 4 vanos; realización dun novo cerramento, retirada e nova colocación da carpintería metálica exterior (fiestras), colocación de carpintería metálica na fachada principal, disposición da instalación eléctrica nas paredes e repaso da cuberta.

A pesar dos traballos realizados, ao tratarse dunha construción de máis de 20 anos de antigüidade, o Pavillón precisaba de melloras a maiores na cuberta que agora se están acometendo.

Pavillón Soledad Castro

“Consideramos que a atleta Soledad Castro Soliño é sobradamente merecedora de darlle nome ás novas instalacións cando estas estean totalmente reformadas”, declarou Nidia Arévalo, alcaldesa mosense.
Unha vez reformadas integralmente, as novas instalacións deportivas levarán o nome de Soledad Castro en recoñecemento á súa traxectoria e aos seus éxitos deportivos de xeito que o Pavillón Pena de Francia pasará a chamarse “Pavillón Soledad Castro”.
Este será o recoñecemento oficial que dende a administración local se lle fai a esta gran deportista, que comezou xogando nun equipo de fútbol feminino da parroquia de Tameiga, fichando logo polo Abrente e que se iniciou no atletismo aos 19 anos, no Celta de Vigo. En novembro do 1992 fichaba polo Comesaña Sporting Club.
Sole Castro conta no seu palmarés con numerosas medallas en campionatos a nivel galego e español en campo a través, 10.000 m, 3.000 m e media maratón. Nas competicións internacionais salientan: en 2017 Campioa do Mundo de Media Maratón W-50 na cidade coreana de Daegu, en 2016 Campioa do Mundo de Atletismo de Montaña W50 na localidade de Susa, pertencente á Rexión Piamontesa de Italia, en 2002 Campioa de Europa veterana de 5.000 m e 10.000 m en Potsdam (Alemaña); en 2003 Campioa do Mundo veterana de 10.000 m e Subcampioa do Mundo veterana de Campo a Través e 5.000 m en Carolina (Porto Rico); en 2004 Subcampioa de Europa de 5.000 m e 10.000 m en Århus-Randers (Dinamarca); en 2005 Campioa de Europa W35 de Media Maratón, 2ª xeral en Monte Gordo (Portugal).