A saída mosense de La Vuelta trasládase ao 5 de novembro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou onte da nova data aos membros da Mesa Local de La Vuelta e ao presidente da Comunidade de Montes de Mos

A crise santitaria do COVID-19 motivou un retraso de La Vuelta Ciclista a España do presente ano 2020, que se celebrará entre o 20 de outubro e o 8 de novembro.

A etapa Mos-Porto Matosinhos (que agora pasa a ser a etapa 15) terá lugar o xoves 5 de novembro, e así llo comunicou onte a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, aos membros integrantes da Mesa Local de La Vuelta, e ao presidente da Comunidade de Montes de Mos, xa que do Pazo de Mos sairá a 15ª etapa de La Vuelta rumbo a Portugal e con meta en Porto, Matosinhos.

Etapa 15 > Mos > Porto, Matosinhos

O xoves 5 de novembro de 2020 terá lugar esta estapa chá de 178 km de percorrido de La Vuelta Ciclista a España.

Mos é unha das saídas inéditas de La Vuelta 20. A etapa ten un padriño de excepción. Óscar Pereiro, embaixador de La Vuelta, gañador do Tour de Francia 2006, e nativo de Mos.

Mos é un punto de paso do Camiño de Santiago Portugués. Parada previa a Pontevedra, desde Mos márchase cara ao norte, rumbo á Catedral de Santiago, onde remata o camiño do peregrino. Con todo, o pelotón tomará o rumbo oposto dirixíndose cara ao sur: Portugal.

Con este cruzamento de fronteiras, e tras eliminar as tres primeiras estapas e a saída desde os Países Baixos, a de Mos convértese na única etapa internacional de La Vuelta. O percorrido da 15ª etapa bordeará a costa portuguesa, aínda que o vento non debería afectar o desenvolvemento da etapa, con previsible chegada ao sprint.