A sede de AFAGA na antiga Casa Reitoral de Petelos abriu hoxe as súas portas ó público valorando a posibles usuarios

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Dous psicólogos da Asociación entrevistáronse ó longo da mañá con maiores mosenses e as súas familias

A concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, visitou hoxe a parte xa rehabilitada da antiga Casa Reitoral de Petelos que está a ser xestionada por AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, e que esta mesma mañá abría as súas portas ó público.

Dous psicólogos da Asociación están a valorar na sede de Petelos a posibles usuarios e a falar coas súas familias para crear un grupo de traballo e iniciar a pertinente terapia. É por elo que as familias mosenses con algún membro afectado pola enfermidade de Alzheimer ou por outra demencia e que estean interesadas en que dito membro sexa beneficiario destas instalacións poden aínda poñerse en contacto coa concellería de Benestar Social presencialmente ou telefónicamente a través do número 986337278. A continuación os profesionais especializados lles farán unha valoración ós maiores que opten a ser usuarios de AFAGA para determinar a conveniencia do seu tratamento nas instalacións da Asociación en Petelos.

Os usuarios que finalmente sexan atendidos por AFAGA en Mos recibirán unha terapia de dous días á semana durante tres horas diarias: martes e venres de 17.00 horas a 20.00 horas. Dita terapia consistirá en talleres de estimulación cognitiva e funcional.

Os teléfonos de contacto de AFAGA son 986229797, o xeral; e 986915079, o específico das instalacións de Mos.

Esta unidade terapéutica atenderá tanto a enfermos como ós seus familiares. Os usuarios recibirán tratamentos de psicomotricidade, orientación á realidade, estimulación cognitiva, musicoterapia, ludoterapia, etc. E para as familias haberá servizos de información, orientación e asesoramento social.

Deste xeito, unha parte das instalacións da antiga Casa Reitoral irá destinada específicamente a maiores de a partir de 55 anos de idade afectados pola enfermidade de Alzheimer e outras demencias senís e/ou neurodexenerativas.

Son moitos os mosenses usuarios da Asociación que se deprazan a diario ata as instalacións das que esta dispón en Porriño e que se atopan xa ó completo, sen prazas vacantes. Deste xeito, os enfermos de Mos dispoñen xa do seu centro de referencia no seu propio municipio.

Datos do INE, Instituto Nacional de Estatística, do 2010, indican que en Mos existen un total de 248 enfermos de Alzheimer, dos cales 49 teñen entre 65 e 74 anos; 115 entre 75 e 84 anos; e 84 de 85 anos en diante.

Os programas que se levarán a cabo nesta área das instalacións de Petelos adicada a enfermos de Alzheimer e outras demencias abordarán a prevención da dependencia dos usuarios, a atención e asesoramento ós mesmos, a estimulación cognitiva e funcional, e a atención psicolóxica tanto a enfermos coma ós seus familiares e/ou coidadores.

Os obxectivos que se perseguerán dende dita área son a mellora da calidade de vida dos enfermos de demencias neurodexenerativas e dos membros do seu entorno, o mantemento da autonomía e a independencia persoal durante o maior tempo posible, a mellora do estado físico-emocional do coidador, o adestramento das capacidades cognitivas do enfermo, a información e asesoramento ás familias sobre Recursos Sociais, e a realización de actividades de prevención do deterioro físico e cognitivo.

As instalacións desta primeira parte rehabilitada da antiga Casa Reitoral de Petelos atenderán a uns 80 beneficiarios, entre directos e indirectos. Os beneficiarios directos serán 30 persoas con diagnóstico de Alzheimer ou outro tipo de demencia en fase leve ou leve-moderada que sexan maiores de 55 anos e residentes no Concello de Mos. E os aproximadamente 50 beneficiarios indirectos serían os familiares e/ou coidadores dos usuarios directos e todas aquelas persoas que desexen recibir algún tipo de orientación ou asesoramento.