A senda peonil e ciclista de Atín estará rematada o mes que ven

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

O xefe territorial de Infraestruturas e o delegado da Xunta visitaron hoxe as obras

 

 

Esta mañá visitaron as obras de construción da senda peonil e ciclista na estrada PO-331, en Atín, -que se atopan iniciadas dende o pasado 2 de setembro e está previsto que se rematen a finais do vindeiro mes de novembro- o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Manuel Carrera, concelleiro de Vías e Obras do Porriño, Luis Alonso, concelleiro de Vías e Obras do Concello de Mos e Cándido Pérez, concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Mos.

 

Esta nova senda execútase ao longo de case un quilómetro na marxe esquerda da PO-331, e conta cun investimento de 450.000 €. Con esta actuación mellorarase a accesibilidade peonil das vivendas e núcleos de poboación da zona de Atín, dando continuidade ao itinerario peonil existente que chega ata O Porriño. Ademais, a actuación inclúe un novo acceso peonil e ciclista, directo dende a PO-331, ao colexio público de Atín, a mellora da seguridade dunha intersección da PO-331, e a execución dun colector de saneamento. Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda executará 170 quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe ata 2020.

 

A nova senda de Mos conta cunha lonxitude exacta de 920 metros. Deste modo, farase posible a comunicación peonil das vivendas e núcleos máis próximos a este treito da PO-331 co concello do Porriño, e dotará dun novo acceso peonil e ciclista, directo dende a estrada autonómica, ao colexio público de Atín.

 

A sección que se está a executar conta cun firme de formigón con cor e garante un ancho mínimo de 1,8 m libres para o tránsito. Isto permitirá que as persoas que se despracen pola senda teñan un espazo suficiente como para transitar e cruzarse comodamente.

 

Para poder acometer a actuación foi necesaria a expropiación de 1.453 m2, cun custo estimado de adquisición dos terreos de 10.152 €.

 

Actuacións complementarias de mellora da estrada

 

A maiores da senda en si mesma, mellórase a seguridade viaria e a funcionalidade da propia estrada con actuacións complementarias importantes en canto á súa transcendencia:

 

  • Destaca o novo acceso peonil e ciclista ao colexio de Atín, directo dende a estrada PO-331, cun ancho de 3 metros e 200 de lonxitude.
  • Mellórase a intersección da estrada de Pereiras, habilitando un cambio de sentido que mellora a funcionalidade da PO-331.
  • Habilítanse rebaixes nos treitos existentes de beirarrúa da marxe dereita da PO-331.
  • Instálase un colector de saneamento que permite conectar as vivendas da zona co sistema de saneamento do Louro.

 

E, ademais, complétase a obra coa renovación da sinalización horizontal e vertical e aquelas obras de drenaxe e sostemento de terras que sexan necesarias.