A viaxe á neve desta tempada para a mocidade mosense será á estación leonesa de Leitariegos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O prazo de inscrición empeza o vindeiro 2 de xaneiro e rematará o 14 de febreiro

 

A concelleira de Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, informou hoxe da organización dunha excursión a Leitariegos (León) para a mocidade do municipio de Mos durante a fin de semana do 21, 22 e 23 de febreiro.

 

Monzón declaraba esta mañá que “dende a oficina da OMIX dentro da Concellería de Educación e Participación Cidadá queremos ofertar outro ano máis unha excursión de fin de semana á neve promovendo así posibilidades de ocio entre xoves a un prezo asequible e adaptado aos seus recursos económicos. Este ano damos a posibilidade de esquiar na estación de Leitariegos (León), dando así resposta as peticións da mocidade mosense”.

 

“Esta concellería”, continuou explicando Monzón “quere facilitar que a xuventude goce da tempada invernal practicando deportes que non se poden practicar no nosos Concello e a oportunidade de vivir uns días diferentes nun entorno distinto”.  Con esta iniciativa a OMIX pretende achegar un ocio de calidade á mocidade de Mos, promovendo a participación da xuventude en espazos de ecoturismo e persegue obxectivos específicos tale coma “favorecer a participación dos mozos/as mosenses, coñecer un medio natural diferente, aproveitar os recursos existentes, favorecer as relacións e as actividades en grupo, promover formas de ocio alternativas e saudables e adquirir novas experiencias apropiadas á idade dos participantes.

 

Os destinatarios desta actividade son persoas maiores de 18 anos, preferentemente empadroadas en Mos. Oprazo de inscrición na mesma será dende o 2 de xaneiro ao 14 de febreiro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello e a publicación da lista de admitidos realizarase o 17 de febreiro. Os prezos por persoa das diferentes modalidades de participación son: Modalidade A, curso esquí, aluguer de equipos, viaxe, pensión completa, 148 euros. Modalidade B, aluguer equipos, viaxe, pensión completa, 142 euros. Modalidade C, viaxe, pensión completa, 120 euros. Para todas as modalidades inclúese: aloxamento de fin de semana (dúas noites, de venres e sábado, e de sábado a domingo); pensión completa: dúas ceas (venres e sábado), dúas comidas (sábado e domingo), e dous almorzos (sábado e domingo); viaxe en autocar ata o destino e retorno; seguro de accidentes e seguro de  viaxe; e dous días de remontes (forfait) na estación de Leitariegos.