A web do Concello de Mos rexistrou preto de 7.000 consultas en materia de emprego nos últimos 9 meses

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A páxina www.mos.es conta coa bolsa de emprego on line ‘empleaMos’, un portal interactivo no que candidatos e empresas poden publicar, consultar e intercambiar información

 

A sección ‘empleaMos’ da páxina web do Concello de Mos, é unha bolsa de emprego on line na que candidatos a un posto de traballo e empresas ofertantes de prazas vacantes poden intercambiar información, ver e publicar ofertas de emprego, facer búsquedas avanzadas de empresas demandantes de persoal no caso dos candidatos ou de perfís cuios currículos se adapten ás necesidades do posto ofertado no caso dos empresarios.

 

Consiste nun portal interactivo de oferta e demanda de emprego que ten tamén integrado o ‘Boletín empleaMos’, no que se informa ós usuarios, neste caso candidatos, de tódalas ofertas de traballo publicadas para empresas privadas da provincia de Pontevedra, así coma das convocatorias de emprego público a nivel nacional, cursos de formación e axudas e subvencións para desempregados e emprendedores.

 

Sobre este portal, integrado na web municipal a principios do presente ano, o concelleiro de Formación e Emprego, Óscar Soto, fixo hoxe públicos datos estatísticos referentes ó número de visitas. O número total de accesos rexistrados na bolsa de emprego da páxina web do Concello de Mos entre xaneiro e setembro de 2013 ascendeu a 4.755, que representan unha media mensual de 530 accesos. O mes que máis accesos se rexistraron foi o de xuño, cun total de 906; mentres que o mes con menos accesos foi abril con 360.

 

Por outra banda, a sección xeral da web mosense adicada á concellería de Formación e Emprego, que contén información xenérica sobre a mesma, rexistrou entre xaneiro e setembro de 2013 un total de 1.826 accesos que representan unha media mensual de 203 accesos. Ó igual que no caso do portal de emprego, o mes con máis accesos rexistrados foi xuño, cun total de 415, mentres que o mes con menos entradas foi febreiro con 82.

 

Entre as dúas seccións da web www.mos.es, ‘empleaMos’ (portal de emprego) e a xenérica sobre a concellería de Formación e Emprego, sumaron un total de 6.581 visitas en 9 meses, de xaneiro de 2013 a setembro de 2013.

 

Por último, como datos xerais da páxina web do Concello de Mos, esta contou no que vai de ano 2013 con 33.405 visitantes distintos e rexistrou un número total de visitas ou entradas que ascende a 60.756. Cada mes visitan a páxina web do Concello de Mos unha media de 3.500 usuarios diferentes, e o mes deste ano no que consultaron a web máis usuarios foi o de xuño cun total de 4.246 visitantes distintos.

 

A franxa horaria durante a que é máis visitada a web municipal mosense é entre as 10.00 horas e as 13.00 horas, e por nacionalidades os que máis visitan a páxina son en primeiro lugar os españois seguidos dos estadounidenses.

 

 

Facebook e Twitter

 

En abril de 2012 creouse o perfil en Facebook do Centro de Desenvolvemento Local, CDL, de Mos; sede da concellería de Formación e Emprego mosense que dirixe o edil Óscar Soto.

 

            Dende entón este departamento municipal fomenta o uso das redes sociais como ferramentas a ter moi en conta hoxe en día ó levar a cabo unha búsqueda proactiva de emprego. O CDL de Mos conta, ademais de co seu perfil de Facebook, cunha conta en Twitter, outra das redes sociais con maior número de usuarios hoxe en día.

 

Soto considera, tanto o portal e a bolsa de emprego da páxina web municipal coma as redes sociais de Facebook e Twitter, un xeito óptimo, eficaz e eficiente de difundir todas as iniciativas que se emprenden dende o Concello en materia de formación e emprego, “xa que son canles de difusión directas e rápidas, incluso inmediatas, co que se presta un servizo ó usuario moito más eficaz e efectivo”, declarou Óscar Soto.

 

Os interesados en seguir nas redes sociais ó departamento municipal mosense de Formación e Emprego poden facelo a través dos seguintes enlaces de Facebook e Twitter, respectivamente: www.facebook.com/cdl.concellodemos e https://twitter.com/CDLMos.