A XUNTA ANALIZA COA ALCALDESA E COLECTIVOS DE MOS O PROXECTO QUE INTEGRARÁ A ZONA DO APARCADOIRO E DO CEMITERIO DE PETELOS NA ÁREA DA CASA CONSISTORIAL

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

15092016_planhurbemos2

  • A secretaria territorial da Xunta en Vigo e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente achegáronse ata o Concello invitados pola alcaldesa para supervisar o proxecto e o inicio da obra, que está na última fase de adxudicación 
  • O departamento autonómico investirá máis de 385.000 euros nesta actuación, que se inscribe dentro do convenio rubricado ao abeiro do Plan Hurbe

 

Mos, 15 de setembro de 2016.- A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Alberto Fuentes, trasladáronse hoxe ata o Concello de Mos invitados pola alcaldesa, Nidia Arévalo, para analizar o proxecto de mellora que permitirá a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial. No encontro tamén estiveron presentes membros do seu equipo de goberno así como os colectivos de veciños e veciñas interesados pola intervención que vai a levar a cabo a Xunta de Galicia.

 

A actuación enmárcase dentro do convenio de colaboración firmado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a rexedora municipal dentro do Plan Hurbe e polo que a Xunta investirá máis de 385.000 euros. Os representantes autonómicos achegáronse ata o Concello para supervisar tecnicamente o proxecto e realizar o exame previo á adxudicación definitiva da obra, que leva a cabo a Administración galega e que se atopa na súa última fase coa estimación de rematar os trámites administrativos a vindeira semana e o inicio da obra no período dun mes. O arquitecto municipal e redactor do proxecto, Manuel Toucedo, foi o encargado de explicar e resolver as dúbidas existentes.

 

Segundo o convenio rubricado, a actuación responde ao programa de humanización de rúas e urbanización e mellora de espazos públicos. Deste xeito, con esta obra se mellorará a calidade de vida dos máis de 15.000 veciños e veciñas do municipio sendo o obxectivo final o de integrar estes espazos na contorna, apostando pola humanización que rodea a casa consistorial. No que se refire ao aparcadoiro, executarase unha área superficial como continuación da praza da igrexa e prolongarase o pavimento e plantarase céspede, dando unidade ao conxunto e permitindo usos puntuais diversos cando sexa necesario (festas patronais, manifestacións relixiosas, etc.). Tamén se delimitará o acceso rodado e peonil ao cemiterio de Petelos, achegando comodidade aos veciños ao mesmo tempo que se mellora o aspecto visual do contorno.

 

Trátase da terceira actuación que se executa neste concello a cargo do Plan Hurbe, pois en 2010 levouse a cabo o acondicionamento e pavimentación da contorna da igrexa de Santa Eulalia, cun investimento de preto de 95.000 euros; e no pasado ano executouse a reposición dun muro de contención en A Rans, na parroquia de Tameiga, cun investimento de 45.000 euros. Así, o investimento desatinado ata a data en Mos a través deste programa achégase aos 525.000 euros.

 

 

Plan Hurbe

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

 

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.