A Xunta apoia ás asociacións mosenses

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Dez entidades do municipio recibirán este ano axudas autonómicas para mellorar as súas dotacións

 

Esta tarde tivo lugar a visita do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a tres asociacións mosenses. Concretamente Rueda visitou a Asociación de Veciños de Dornelas, a A.V.V. Chan do Bosque (Amieirolongo-Sanguiñeda) e a A.V.V. Santa Ana de Veigadaña (Petelos).

 

O vicepresidente estivo acompañado por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Marta Fernández-Tapias, Directora Xeral de Administración Local, Ignacio López Chaves, delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Cultura e Turismo, Camilo Augusto, concelleiro de Coordinación de Asociacións Veciñais, Patrimonio e Servizos e os demais membros do equipo de goberno local.

 

Rueda visitou, deste xeito, tres das oito asociacións mosenses ás que a consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza subvencionou este ano dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións, ou unión de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia. A maiores o vicepresidente anunciou que se concederán estas axudas a dúas Comunidades de Augas mosenses máis, co que a cifra total de entidades subvencionadas será de 10, sumando un total de preto de 120.000 euros. Rueda informou, así mesmo, que o Concello de Mos é o municipio de Galicia que máis asociacións subvencionadas ten dentro desta liña de axudas no presente ano 2017.

 

As oito subvencións xa concedidas pola administración autonómica en Mos a través deste Plan suman 72.886,27 euros (sen contar as dúa Comunidades de Augas a maiores anunciadas esta mesma tarde) distrubuídos entre as seguintes asociacións: Asociación de Veciños de Dornelas, Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña, Comunidade de Usuarios de Auga Mina do Ferreiro, Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Celado, Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, Traída de Augas de Cotiño-Dornelas, Asociación de Veciños Chan do Bosque e Asociación de Veciños San Rafael de Pereiras.

 

A Asociación de Veciños de Dornelas recibiu unha subvención para a mellora do local social San Franco consistente en traballos de optimización das paredes, chan, falso teito, instalación eléctrica e fontanería. Así como adaptación do cuarto de baño de homes para o uso de persoas incapacitadas, instalación de barandilla de aceiro inoxidable na subida das escaleiras e movemento de todas as ventás cara ao interior para logo recercalas en pedra e aluminio.

 

Pola súa banda a Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña recibiu a axuda para equipar con mobiliario unha cociña acometida o ano pasado grazas á anterior convocatoria desta mesma liña de subxencións da consellería de Presidencia. Dita cociña ten a finalidade de dar servizo aos peregrino do albergue instalado no local da Asociación de Veciños e ofertar cursos de cociña para os veciños da parroquia.

 

A contía económica concedida á Comunidade de Usuarios de Auga Mina do Ferreiro vai destinada á mellora do seu depósito mediante a optimización exterior e canalóns da estrutura, instalación de 22 contadores de auga, mellora do cuarto de maquinaria e instalación dun equipo de clorímetro.

 

Á Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Celado concedéuselle á axuda para mellorar o seu local social mediante a dotación de equipamento consistente fundamentalmente en sillas e estores para as fiestras.

 

A mellora da accesibilidade do Centro Cultural Os Castros é o fin ao que se destina a subvención concedida á Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras. Dita mellora da accesibilidade require dunha importante obra de supresión de barreiras físicas mediante a instalación dun ascensor na zona exterior.

 

A Traída de Augas de Cotiño-Dornelas executará unha obra de acometida de auga de traída na carretera de Puxeiros a Mos, á altura do cruce de baixada á Igrexa de Dornelas ata a ponte. Trátase dun tramo duns 300 metros grazas ao que se abastecerá de auga a cinco vivendas unifamiliares.

 

A Asociación de Veciños Chan do Bosque realizará a instalación dun sistema de calefacción mediante estufa de pellets e tubería de reparto e a colocación dun portal de peche dotado de guías, motor e mecanismos.

 

E por último a Asociación de Veciños de San Rafael en Pereiras realizará unha obra de mellora de accesibilidade e condicións do seu local que optimice a comunicación entre os dous andares coa acometida dunhas escaleiras interiores. Tamén se instalará tarima flotante no primeiro andar e mellorarase a estética do local mediante o pintado interior e da ampliación externa, así como coa colocación de accesorios.

 

Mediante a anterior convocatoria desta liña de axudas correspondente ao pasado ano 2016, tres destas asociacións xa recibiran sendas subvencións autonómicas. San Rafael de Pereiras recibiu preto de 20.000 euros en 2016 para melloras do seu local e adaptación do mesmo a persoas con discapacidade. Otros 20.000 euros foron o ano pasado para Chan do Bosque para o acondicionamento dunha cociña no interior do local, a instalación dunha rampa de acceso para discapacitados e a colocación dunha barandilla e peche perimetral en aluminio. E Veigadaña recibira preto de 11.000 euros para construír a cociña que dotarán de mobiliario coa subvención deste ano.