A XUNTA COLABORA CO CONCELLO DE MOS PARA A CONTRATACIÓN DE 11 MULLERES VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta mañá en Mos á presentación do programa de subvencións para  o fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero
  • A  finalidade das axudas é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da independencia económica co obxectivo de lograr unha integración plena na vida económica e social
  • Contan con axudas os concellos de  Mos, Ponteareas e Fornelos de Montes, na provincia de Pontevedra;  O Barco de Valdeorras, Verín e Allariz, na provincia de Ourense; e O Valadouro, na provincia de Lugo

 

Mos, 12 de xullo de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, asistiu esta mañá en Mos á presentación do programa de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, polo cal 7 concellos galegos contarán con axudas para contratar a 40 mulleres. A presentación realizouse en Costoias, parroquia de Tameiga, coa presenza de representantes das asociacións de Mos, da Policía Local, persoal do Centro de Información da Muller, CIM, de Mos, persoal do departamento municipal de Emprego e da Axencia de Colocación de Mos, e persoal do departamento municipal de Política Social do Concello de Mos.

No caso concreto de Mos a administración autonómica investirá un total de 259.228 euros, para 11 contratacións a xornada completa durante 1 ano.

 

Este programa pioneiro foi posto en marcha este ano por primeira vez en Galicia grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A Xunta destina  800.000 euros  para estas axudas que teñen como finalidade principal apoiar ás mulleres vítimas da violencia de xénero na súa integración laboral que lles permita unha independencia económica co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

 

As entidades locais beneficiarias en Galicia son 7 xa que, ademais do concello de Mos, contan tamén con axudas  os concellos de Ponteareas e Fornelos de Montes, na provincia de Pontevedra; O Barco de Valdeorras, Verín e Allariz, na provincia de Ourense; e Valadouro, na provincia de Lugo

 

A contía da subvención é, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais e deben ser executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución. A duración dos contratos será como mínimo de 4 meses.