A Xunta concede a Mos un novo Plan Hurbe para a mellora interior da Urbanización de San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

O orzamento total da obra ascende a 90.000 euros dos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá o 70%

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e a deputada autonómica da parroquia de Tameiga no Parlamento de Galicia, Feli Rodríguez, visitaron esta mañá a Urbanización de San Eleuterio e anunciaron que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Mos un Plan Hurbe para acometer o proxecto de mellora da Urbanización de San Eleuterio.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de 39 concellos galegos, entre os que se atopa o de Mos.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado mércores 28 de abril a resolución pola que se anuncia a concesión destas axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego, ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

A axuda concedida para a mellora da Urbanización de San Eleuterio equivale ao 70% do custo total da actuación.

As obras de Mellora Interior da Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, teñen finalidade de renovar fundamentalmente beirarrúas e pavimentos das vías de circulación e o acondicionamento dunha parcela municipal, coa finalidade de dotala de pavimento, vexetación e mobiliario urbano acorde co uso que se pretende. As obras previstas abarcan os conceptos de demolición dos pavimentos asfálticos en mal estado, de pavimentación de vías de circulación e sinalización horizontal e vertical e pavimentación do novo espazo de recreo e execución de muros de cachotería e plantación de especies arbóreas e instalación de mobiliario urbano.

O prazo de execución que se propón é de 2 meses. E o orzamento total da obra ascende a 90.000,00 euros.

Pola súa banda os representantes municipais destacan o obxectivo do Goberno local mosense de avanzar no Plan Mos humanizado, no que esta mellora suporá un paso máis. “Seguimos avanzando na nosa folla de ruta neste senso. A devandita folla de ruta marca como un dos principais obxectivos da administración local construír o Mos das persoas, con espazos e infraestruturas habilitados para o uso e desfrute da veciñanza”, salientaron.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aposta por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística e actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

O Plan Hurbe é un programa posto en marcha en 2010 pola Xunta.