A Xunta de Galicia elixe Mos para poñer en marcha unha experiencia piloto baixo o título de Escola Emprende

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os outros dous concellos seleccionados son Ourense e Vigo

           

A concelleira de Educación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, e o edil de Formación e Emprego e tenente alcalde do Concello de Mos, Óscar Soto, presentaron esta mañá o Proxecto Escola Emprende que se imparte no CDL, Centro de Desenvolvemento local. Trátase dunha experiencia piloto entre mozos e mozas na área de Emprendemento, e Mos é un dos tres Concellos participantes para levar a cabo este estudo poromovido dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

 

As outras localidades, ademais de Mos, nas que se realiza este obradoiro son Ourense e Vigo. A participación de pre-emprendedores/as na xornada de hoxe foi de 20 persoas en total. A idade das persoas participantes comprende entre os dezaoito e os trinta e cinco anos.

 

A actividade, de catro horas e media de duración e que leva por título Proxecto Emprende, consiste nunha iniciativa financiada polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (POCTEP), e que ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego para mozos e mozas, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais.

 

Colaboran neste proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o Instituto Português da Juventude, a Confederación Empresarios de Galicia, a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles de Portugal e a Fundación Galicia Europa.

 

A finalidade deste foro é potenciar o emprendemento poñendo de manifesto as ferramentas e accións para desenvolver todo o potencial das iniciativas e dos proxectos emprendedores galegos e portugueses. Pretendese establecer lazos fortes entre emprendedores de ambos dous territorios e cubrir as necesidades, descubrir as oportunidades e intercambiar experiencias e coñecemento.

 

Este obradoiro vai dirixido sobre todo a profesorado de IES e ciclos formativos, alumnado, estudantes universitarios, asociacións empresariais, e mozos e mozas da zona. Aínda que, neste sentido, a edil Kely Monzón declarou que “dende a Oficina de Información Xuvenil, OMIX, xunto coa concellería de Formación e Emprego que dirixe Oscar Soto, determinamos, que ao non ter Mos ciclos formativos, e debido a taxa de paro existente, ampliar os beneficiarios deste obradoiro aos mozos/as que agora mesmo non están desenvolvendo actividade laboral, con idades comprendidas entre 18 e os 35 anos preferentemente, e que sexan de Mos”.

 

Obxectivos

 

Os obxectivos desta actividade son crear un espazo de traballo onde mozos e mozas con inquedanzas de emprendemento poidan dispor dunha titorización personalizada, resolver dúbidas e estereotipos relacionados co emprendemento e fomentar o emprendemento entre os mozos e as mozas como estratexia de emprego. A metodoloxía a empregar nesta acción formativa combinará as explicacións teóricas co traballo práctico en grupo.

 

O profesorado estivo integrado pola ponente experta en emprendemento, Marta Salazar, que falou das claves para emprender, e polos coaches Santiago García e Yolanda Villar que guiaron o exercicio práctico sobre a posta en marcha dunha idea emprendedora.

 

Curso de Oratoria e Coaching

 

A concelleira Kely Monzón aproveitou o acto desta mañá para lembrar que o vindeiro venres, 29 de novembro, a partir das 19.30 horas e durante un total de 3 horas, tamén no Centro de Desenvolvemento Local de Mos, CDL, impartirase outro curso de interese para desempregados e emprendedores mosenses que abordará contidos sobre Oratoria e Coaching.