A Xunta levará a cabo as obras de mellora e humanización do nó de Sanguiñeda, en Mos, cun investimento de 2,5 millóns de euros

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • A actuación está xustificada pola necesidade de dotar esta zona, separada polas estrada N-120 e N550, de beirarrúas que permitan e aumenten unha adecuada comunicación peonil
  • O proxecto tamén recolle a construción dunha pasarela metálica adosada ao paso sobre a liña de ferrocarril existente
  • Grazas a esta humanización tamén se incrementará o desenvolvemento comercial do concello de Mos, así como a seguridade vial desta zona, que ten unha forte presión de tráficos xerados polo desenvolvemento dun polígono comercial

 

Mos (Pontevedra), 5 de outubro de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acordaron hoxe levar a cabo a humanización do Nó de Sanguiñeda. Trátase dunha zona entre as estradas N-120 e N-550, tamén coñecida como as glorietas de Sanguiñeda, nas que é necesario definir beirarrúas co fin de establecer unha adecuada comunicación peonil entre ambas estradas.

 

Hernández e Arévalo sinalaron que esta actuación redundará positivamente no desenvolvemento comercial da zona, ademais de mellorar a seguridade dos veciños de Mos e a ordenación viaria, un punto do municipio no que hai unha forte presión de tráficos xerados polo desenvolvemento dun polígono comercial e por ser o treito entre a rotonda da Costilleta e a das Angustias, que é a entrada principal a Mos.

 

O conselleiro de Medio Ambiente tamén explicou que este proxecto de humanización tamén inclúe a execución de pasarelas metálicas adosadas ao paso sobre a liña de ferrocarril existente.

 

O investimento desta actuación, que ascende a 2, 5 millóns de euros, permitirá executar os traballos que consistirán no ensanche e mellora da vía actual, así como o abastecemento, saneamento, beirarrúas, áreas verdes e construción das pasarelas peonís.

Tanto o conselleiro como a alcaldesa destacaron  que esta actuación é o inicio da recuperación e mellora da zona que dá entrada ao concello de Mos. En función da capacidade orzamentaria e da disposición de crédito de ambas administracións, se poderán acometer outras actuacións, como a vía de alivio na rotonda das Angustias, a urbanización da capela, así como a recuperación doutros puntos próximos, como a humanización do contorno da rúa Ramiranes, da rúa Progreso e da Avenida de Galicia.

 

Hernández manifestou que tanto a actuación asinada esta mañá, como as futuras, son proxectos que teñen sentido dentro da política de actuación da Axencia Galega de Infraestruturas, que ten entre os seus obxectivos a mellora da rede viaria de Galicia.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Mos, trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas do municipio, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que aporte unha maior calidade de vida aos seus cidadáns.

 

Na imaxe pódese observar a zona na que se executará a urbanización: