A XUNTA LICITARÁ ESTE VERÁN AS OBRAS PARA A MELLORA DA PO-331 NA INTERSECCIÓN COÑECIDA COMO A CURVA DA COSTA DA MORTE, EN MOS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

§  As obras suporán un investimento de máis de 300.000 euros

§  A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a alcaldesa de Mos mantiveron unha reunión para abordar esta actuación

§  Este tipo de actuacións garanten e incrementan a seguridade viaria nesta estrada galega, ao definir carrís que faciliten aos máis de 15.000 veciños de Mos

§  Outro dos puntos abordados neste encontro foi a situación do saneamento neste concello, no que a Xunta inviste 1,8 millóns de euros para a execución dos colectores secundarios

 

Santiago, 18 de xullo de 2014.- A Xunta licitará este verán as obras de mellora da denominada curva da costa da morte, no concello pontevedrés de Mos, unha actuación na que o executivo galego investirá 320.000 euros.

 

Segundo informou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, á alcaldesa do concello de Mos, Nidia Arévalo, durante unha reunión celebrada en San Caetano, o Goberno galego iniciará con carácter inmediato o proceso licitación desta actuación, que mellorará a seguridade nos movementos nesta zona.

 

A actuación para o acondicionamento de intersección da estrada PO-331 (Torneiros-Gondomar) no PK 3+500 inclúe:

 

  • Mellora do acceso mediante carrís de cambio de sentido e carrís de espera, aceleración e desaceleración, para facilitar as incorporacións e os xiros.
  • Ensanche da calzada cun muro de escollera de 134 metros de lonxitude e unha altura media  de 1,75 m.
  • Nova drenaxe transversal
  • Alumeado

 

A conselleira destacou que este tipo de actuacións garanten e incrementan a seguridade viaria nesta estrada galega, ao definir carrís que faciliten aos máis de 15.000 veciños de Mos xiros e movementos viarios de xeito ordenado e delimitado. Este vial ten un Intensidade Media Diaria (IMD) de 7.000 vehículos ao día.

 

Este tipo de actuacións tamén estarán en sintonía coas melloras que a Consellería está a priorizar ao longo de 2014, as actuacións de conservación e seguridade viaria, ás que se destinará preto de 190 millóns de euros, un 62% do total dos contratos de obra que se realizarán neste ano.

 

Saneamento en Mos

Outro dos puntos abordados na reunión é a situación do saneamento en Mos, onde a Xunta inviste 1,8 millóns de euros na obra dos colectores secundarios para a conexión co sistema xeral do Louro, cuxas obras xa están na recta final. Con esta actuación a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pretende acadar o obxectivo de completar a rede de saneamento das parroquias de Louredo, Petelos, Torroso, Tameiga, Pereiras, Sanguiñeda e na propia parroquia de Mos.

 

A conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo da Xunta co saneamento neste concello, que se traduce nun investimento de 10 millóns de euros en actuacións en curso, para a explotación dos sistema de saneamento do Louro e a Edar de Guillarei e a través dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Consorcio do Louro para a xestión do ciclo urbano da auga do Louro, ademais da obra dos colectores secundarios. Tamén recordou que no sistema de saneamento do Louro, do que se beneficia Mos e os concellos de Tui, Salceda de Caselas e O Porriño, a Xunta leva investidos 18,6 millóns de euros.