A Xunta realiza en Mos unha investigación demandada polo Concello sobre a posible afección por lindano

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O estudo ten unha duración de tres meses, tempo tras o que se farán públicos os resultados obtidos para tranquilidade da veciñanza mosense

 

 

O Concello de Mos informa de que a Xunta de Galicia está a realizar en Mos dende o pasado mes de decembro unha análise de lindano en determinadas zonas do termo municipal, tras solicitude da mesma por parte da administración local o pasado mes de novembro.

 

O devandito estudo pretende garantir á veciñanza mosense que non exista rastro de contaminación por lindano nas zonas do termo municipal máis próximas ao porriñés polígono de Torneiros, tal é o caso das parroquias mosenses de Pereiras e Sanguiñeda e, concretamente dentro das mesmas, en Pereiras a contorna da empresa Syngenta no barrio de San Rafael ó redor da Avenida da Florida e da Estrada PO 331 Porriño-Gondomar; a zona do Cristo de Belén en torno á rotonda que enlaza coa PO 331 e o núcleo de Agueiro e, en Sanguiñeda, na Avenida de Sanguiñeda na contorna do Colexio Mestre Valverde Maio.

 

A empresa que está a realizar o estudo, que ten unha duración de tres meses, é Eptisa Servicios de Ingeniería, e foi contatada pola Xunta. Trátase dun estudo pormenorizado dos solos e augas das zonas enumeradas, que son as que poderían ser sensibles de conter algún vestixio de contaminación por lindano.

 

O informe de afeccións de contaminación de solos e augas subterráneas asociadas nas zonas detalladas constará de investigación analítica exploratoria, avaliación documental e valoración da situación ambiental, do que se extraerá unha valoración final dos resultados obtidos e accións e/ou medidas futuras a adoitar de ser necesario. Nas zonas predefinidas a estudar, que son as antes mencionadas, localizaranse uns puntos de control en base ao estudo histórico; para cuxa localización elabórase a cartografía necesaria para identificar correctamente a súa ubicación.

 

O Concello de Mos logrou que as Consellerías de Medio Ambiente e Sanidade, que traballan conxunta e coordinadamente para protexer a saúde da poboación na problemática do lindano, puxesen en marcha este estudo pormenorizado que disipe calquera dúbida a este respecto para tranquilidade da veciñanza mosense.