Aberto o prazo de inscrición na viaxe a San Isidro organizada pola OMIX

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A excursión será durante a fin de semana do 8 ó 10 de marzo e o último día para apuntarse é o 27 de febreiro

 

A concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha excursión a San Isidro (León) para a mocidade do municipio de Mos o fin de semana do 8, 9 e 10 de marzo.

 

A oficina da OMIX, dentro da Concellería de Educación e Participación Cidadá, quere ofertar outro ano máis unha excursión de fin de semana a San Isidro, despois do éxito de participantes acadado no ano 2012 e tamén, facendo referencia ás peticións da mocidade mosense.

 

“Esta concellería quere facilitar que a xuventude goce da tempada invernal, o achegamento doutros deportes que non se poden practicar no noso concello e a oportunidade de vivir uns días diferentes nun entorno distinto”, explica Monzón, quen tamén engadiu que, “con esta iniciativa a OMIX pretende achegar un ocio de calidade á mocidade de Mos, promovendo a participación da xuventude en espazos de ecoturismo”.

 

Esta viaxe vai dirixida a persoas maiores de 18 anos, preferentemente empadroados en Mos. O prazo de inscrición na actividade comezou onte e rematará o vindeiro 27 de febreiro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello e a publicación da lista de admitidos será o 28 de febreiro.

 

A excursión terá un custo en función da modalidade elexida por cada participante, dende 140 euros (viaxe, seguro, manutención e hospedaxe) ata 175 euros (curso esquí, aluguer de equipos, viaxe, seguro, aloxamento e manutención).