Aberto o prazo de inscrición no Campionato Escolar de Natación que se celebrará na Piscina Municipal de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O número máximo de participantes será de 140, que teñen ata o día 14 de maio para anotarse

 

O concelleiro de Deportes do Concello de Mos, Isidoro Táboas, e a edil de Educación mosense, Kely Monzón, informaron hoxe de que xa está aberto o prazo de inscrición no Campionato de Natación Escolar Val da Louriña 2013. A competición celebrarase o 25 de maio, a partir das 17.00 horas da tarde, na Piscina Municipal que se atopa no Pavillón Óscar Pereiro; e os interesados en participar teñen ata o día 14 deste mes para inscribirse presentando a súa solicitude na propia Psicina Municipal.

 

O número máximo de participantes neste campionato, organizado conxuntamente entre o Concello de Mos e o Club de Natación Mos, é de 140, que serán seleccionados por rigorosa orde de entrada das súas respectivas inscricións. Os participantes deberán ser nadadores non federados e non pertencentes a ningún clube de natación, con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos, ambas incluídas.

 

Os competidores estarán divididos en catro categorías: a primeira formada por nenos e nenas de 6 e 7 anos, a segunda de 8 e 9 anos, a terceira de 10 e 11 anos e a cuarta de 12 e 13 anos. As dúas primeiras categorías participarán competindo nunha proba de 25 metros crol, mentres que as terceira e cuarta categorías realizarán a proba de 50 metros crol.