Aberto o prazo de presentación de proposicións para a concesión da cafetería do CDL de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 500 euros mensuais máis IVE

 

O concelleiro de Facenda e Patrimonio mosense, Óscar Soto, informou esta mañá da apertura do prazo de presentación de proposicións para a prestación do servizo de explotación da cafetería do Centro de Desenvolvemento Local, CDL, do Concello de Mos. Unha vez adxudicado, a prestación do servizo será de dous anos de duración con posibilidade de prórroga por outros dous máis.

 

O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 500 euros mensuais máis IVE, resultando finalmente o canon ofertado á alza polo adxudicatario na súa proposta económica. Este canon deberá actualizarse anualmente durante toda a vida da concesión, en función da variación experimentada polo IPC durante a anualidade inmediatamente anterior, e comenzará a aboarse ó Concello ó mes seguinte a aquel na que se levante a acta de inicio de explotación. O contrato adxudicarase por procedemento aberto.

 

As proposicións dos candidatos a adxudicatario da cafetería do CDL mosense deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello en horario de 09.00 horas a 14.00 horas de luns a venres e de 09.00 horas a 13.00 horas os sábados, durante 15 días hábiles a contar dende o pasado venres 11 de xaneiro, data da publicación do proceso de contratación deste servizo no BOP. Tamén poderán presentarse proposicións por correo, neste caso o interesado deberá acreditar, co resgardo correspondente, a data de imposición do envío e anuncialo o mesmo día ó Órgano de Contratación mediante fax, telex ou telegrama.

 

Os interesados en consultar as bases do proceso de contratación deste servizo poden facelo na páxina web municipal, www.mos.es, no apartado de Perfil do Contratante que se atopa incluído na sección de Descargas.

 

Características técnicas

 

Entre outras características técnicas da prestación do servizo de cafetería no CDL cómpre destacar que permanecerá aberta de luns a venres, en horario mínimo diario de 08.00 horas a 22.00 horas e os sábados de 09.00 horas a 14.00 horas. O Concello de Mos poderá esixir do concesionario a apertura temporal fóra do horario establecido e previa comunicación con suficiente antelación para a realización de actividades municipais. A explotación poderá interromperse, previa autorización do órgano competente, durante o período vacacional. Estará prohibida a venda e consumo de tabaco e de bebidas cunha graduación alcohólica de máis de 18 graos, tamén estará prohibida a instalación de máquinas recreativas. As comidas serán elaborados polo adxudicatario na propia cociña do Centro. E todos os integrantes da plantilla da cafetería deberán estar en todo momento en posesión do carné de manipulador de alimentos e de todas aquelas autorizacións ou permisos que sexan necesarios para o desenvolvemento do seu traballo, segundo a lexislación vixente.

 

En canto ó mantemento das instalacións, serán de conta do concesionario as necesarias obras de conservación dos locais, instalacións e equipamento así coma a reposición de material avariado ou deteriorado. Asimesmo o adxudicatario está obrigado a conservar en perfectas condicións as instalacións achegadas polo Concello así coma as achegadas polo adxudicatario, sendo da súa conta as reparacións e acondicionamentos, tanto interiores como exteriores, que se efectúen nas mesmas, así coma as reposicións necesarias doutras similares ou de mellores prestacións.