Aceesca busca en Mos posibles terreos nos que ubicar o seu proxecto de emprego e formación dual

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia orientada á certificación profesional de persoas con discapacidade intelectual

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a xerente de Aceesca (asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual), Ángeles Leirós, reuníronse esta mañá no Concello mosense para abordar o proxecto de emprego e formación dual emprendido pola asociación.

O obxectivo da xuntanza foi presentarlle á rexedora local a devandita iniciativa de emprego e formación dual para persoas con discapacidade intelectual por parte de Aceesca e tratar a posibilidade de contar con terreos dispoñibles a tal fin no municipio mosense. Aceesca, tal e como explica a súa xerente, Ángeles Leirós, atópase “explorando terreos en concellos limítrofes” ao de O Porriño, no que actualmente se ubican as súas instalacións, para poder instalar o seu novo proxecto.

Trátase dun proxecto innovador e pioneiro en Galicia para dotar de certificación de profesionalidade nivel 1 a persoas con discapacidade intelectual. Un programa moi ambicioso que precisa dunha solución inmediata á súa necesidade de ubicación.

Para acadar dita solución hoxe atopáronse Leirós e Arévalo, que trataron sobre posibles parcelas dispoñibles no Concello de Mos, que poderían resultar de interese para Aceesca.

Aceesca Emprego acreditouse como empresa de formación e ten autorizada para este proxecto a formación en xardinería. Está previsto que no mes de decembro inicien a formación nas súas instalacións porriñesas en Torneiros “aínda que en precario por falta de espazo. O que podería ser un proxecto para 30 persoas con diversidade intelectual vaise reducir a tan só 10 prazas, porque xa non temos cabida para nada máis no actual centro”, tal e como declaraba Ángeles Leirós fai poucos días aos medios de comunicación.

Leirós lembraba nas súas declaracións aos medios que “a través deste programa, tan innovador e necesario, e durante tres anos, as persoas reciben formación continua coa metodoloxía aprender facendo, que é como se pode afianzar capacidades de forma efectiva. Pero ademais, desde o primeiro día, o aprendiz ten un contrato laboral a media xornada, que axuda a adquirir e consolidar os coñecementos e capacidades que se traballan na formación e ao finalizar os tres anos acredítanse cunha cualificación profesional oficial que lles abre moitas portas no mercado ordinario de traballo”.