Aceesca visita Expoanimalia o día que se inaugura a mostra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Usuarios e monitores de Aceesca asistiron esta mañá en Expoanimalia a unha visita guiada polo biólogo Diego Ballesteros

Hoxe inaugurouse a mostra de animais exóticos, anfibios e réptiles, Expoanimalia, que o Concello de Mos organiza con motivo das Festas da Rosa 2013. A primeira visita guiada foi a concertada por Aceesca, cuxos usuarios e monitores foron testemuñas desta singular mostra recén abertas as súas portas ó público.

 

A mostra de animais exóticos Expoanimalia terá as súas portas abertas ó público ata o 9 de xuño no centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos.

 

Esta iniciativa atópase enmarcada na programación das Festas da Rosa 2013 e ten un horario de visita de mañá de 10.00 horas a 13.30 horas e de tarde de 17.00 horas a 21.00 horas. O prezo das entradas será dun euro para nenos con idades comprendidas entre 3 e 14 anos e de dous euros para as persoas de máis de 14 anos de idade. Os menores de 3 anos poden entrar de balde. Ademais da entrada individual no horario mencionado, existe a posibilidade de concertar previamente visitas guiadas pola exposición para grupos diversos como alumnos de Educación Primaria, Secundaria ou Bacharelato, alumnos de centros de educación especial, membros de asociacións, etc.; para elo deben chamar por teléfono ó número 986 33 94 04.

 

A mostra conta con preto de cen animais de máis de 50 especies procedentes dos cinco continentes, con tamaños que abarcan dende os poucos centímetros ata case catro metros de lonxitude. Entre os exemplares presentes na exposición atópanse geckos, boas, pitóns, crías de caimán, varanos, tarántulas, escorpións, camaleóns, ajolotes, rás, tartarugas, etc.

 

Para acoller a tan singulares hóspedes o auditorio do Multiusos ten instaladas máis de 50 urnas de cristal en cuxo interior se recrean os hábitats e ecosistemas naturais ós que pertencen cada un dos animais que se poden contemplar nesta exposición. Ademais de poder observar a cada exemplar nunha simulación do seu hábitat natural, os visitantes da mostra teñen indicado, nunha ficha didáctico-explicativa por cada animal, datos curiosos sobre o mesmo tales coma o seu nome científico, a súa distribución de orixe no mundo, tamaño, tipo de alimentación, etc.

 

Esta mostra conta en todo momento coa supervisión e a asistencia técnica e informativa de dous expertos, o biólogo Diego Ballesteros, e o herpetólogo José Luis García, donos dos exemplares de anfibios e réptiles expostos, que constitúen ademais unha das coleccións deste tipo máis grandes e singulares do país.