AEMOS apoia ao Concello na campaña de recollida de alimentos de Mos Axuda que permita facer a 4ª entrega desde o inicio da crise do COVID-19

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Beneficiaranse 120 familias mosenses e o reparto espera facerse a principios de xuño

A Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, únese a Mos Axuda nesta crise sanitaria do COVID-19 e onte iniciou unha campaña de recollida de alimentos que permita facer unha nova entrega de alimentos entre as familias máis vulnerables do municipio.

Desde que se declarou o estado de alarma o Concello de Mos a través de Mos Axuda e grazas á colaboración de diferentes particulares, empresas e entidades doantes fixo xa un total de 3 entregas de comestibles a familias mosenses que se realizaron os días 3 e 8 de abril e 8 de maio.

Esta campaña de recollida de alimentos faise especialmente necesaria no momento actual para paliar a situación de vulnerabilidade que ante a crise do COVID-19 sofren moitas familias do municipio que non poden facer fronte ás necesidades máis básicas de alimentación.

Por iso desde onte a administración local mosense xunto con AEMOS, puxeron en marcha unha campaña de procura de achegas que desde as empresas do municipio mosense poidan facer chegar. De xeito que se abasteza o incremento de demanda que provocou a crise sanitaria consecuencia do COVID-19.

A día de hoxe medrou exponencialmente o número de beneficiarios de Mos Axuda, rexistrando un número de familias con necesidades de alimentos de 120, moitas delas con menores a cargo, o que fan un total de 330 persoas.

Co recadado nesta nova campaña conxunta con AEMOS prevese poder realizar unha nova entrega de alimentos a domicilio a principios do vindeiro mes de xuño.

Ante esta complicada situación AEMOS está a solicitar a colaboración das súas empresas asociadas e en xeral do tecido empresarial de Mos, que xa anteriormente demostrou estar sempre tendendo unha man en circunstancias adversas.

Calquera achega será benvida, xa sexa doazón de alimentos, doazón de tarxetas solidarias trocables nos supermercados de Mos, ou ben doazón en efectivo no número de conta de MosAxuda: ES98 2100 5656 0501 0024 5307.

O servizo de voluntarios de Protección Civil será o encargado, en caso de ser necesario, de realizar a recollida da mercadoría onde a empresa doante indique. Para máis información, os interesados poden contactar con
Mos Axuda no email mosaxuda@concellomos.es e con AEMOS no enderezo de correo electrónico asociacion@aemos.es

Xa colaboraron con esta iniciativa para poder realizar as tres entregas previas Cruz Vermella, AFAMSA, Elmar, Noribérica, Rodicut, Club de Leones, Grupo Montiño Dicarvi, O Alpendre Tapería e Baxiña Tapería.

Mos Axuda é un proxecto do Concello de Mos nacido en 2015 como unha organización de repartición directa de alimentos entre as persoas máis desfavorecidas. Este programa inclúe a repartición de alimentos así como servizo de roupeiro. Son beneficiarias do programa de alimentos as persoas ou familias desfavorecidas residentes e empadroadas no Concello de Mos que cumpren os requisitos establecidos: individuos, familias, fogares ou grupos que se atopen en situación de pobreza económica, así como as persoas sen fogar e outras persoas en situación de especial vulnerabilidade social.
Mos Axuda funciona en coordinación co Departamento de Política Social do Concello de Mos, onde o persoal técnico é quen, mediante un informe social pertinente realiza a listaxe de usuarios/as autorizados/as para participar no programa de axuda alimentaria.