Aínda quedan prazas libres para a visita á mostra “Orinoco” na Cidade da Cultura

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os maiores mosenses interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro luns, 18 de novembro. A excursión realizarase o sábado día 30 de novembro

 

A concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha visita para maiores mosenses á Cidade da Cultura en Santiago de Compostela que se celebrará o sábado 30 de novembro. Aínda quedan prazas libres, polo que os interesados en participar poden inscribirse para facelo.

 

O prezo por persoa desta viaxe, que se atopa incluída no programa “Tempo de Excursións” é de 11.50 euros. Segundo declarou Monzón “o programa ‘Tempo de Excursións’ ten como finalidade que ás persoas con menos posibilidades de ocio, por falta de iniciativa propia ou por falta da posibilidade de organización/disposición, se lles facilite a través deste servizo a posibilidade para viaxar con xente do seu entorno, coñecer novos lugares, etc. Tendo en conta esta demanda e aproveitando os recursos cos que contamos na nosa comunidade galega, decidimos organizar unha visita a Santiago de Compostela. Nesta saída acudiremos á Cidade da Cultura para ver a exposición ‘Orinoco’, que pretende reconstruír as historias de vida de etnias amazónicas desde  obxectos de uso cotiá (xoias, instrumentos musicais, utensilios de cociña…). Ademais, xantaremos na zona monumental, coñeceremos o Museo do Pobo Galego e presenciaremos unha Misa no altar maior da Catedral”, explicou a concelleira; quen insistiu tamén en destacar que “un aspecto moi importante deste tipo de saídas, é que fortalece os lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe”.

 

Os obxectivos desta iniciativa son facilitar a posibilidade de viaxar ós habitantes do Concello de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas  na comunidade, previr a soidade, impulsar e dinamizar as relacións sociais e promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización.

 

Son potenciais beneficiarias desta actividade as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, e maiores de 55 en condición de pensionistas, das cales, as que estean interesadas en participar na mesma, deberán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou a través do correo electrónico omix@concellomos.es. A folla de inscrición poderase recoller na OMIX, no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou ben descargándoa da web do Concello www.mos.es .

 

O prazo de inscrición rematará o luns 18 de novembro. O día 19 de novembro farase pública a lista de admitidos.

 

A programación da excursión constará dunha visita á Exposición “Orinoco” na Cidade da Cultura, xantar na Zona Monumental, visita ó Museo do Pobo Galego no Parque de Bonaval, Misa no altar maior da Catedral e paseo libre pola cidade seguido de merenda.