Albergue de peregrinos na A.V.V. Santa Ana de Veigadaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Obras

Abre as súas portas o albergue de peregrinos xestionado pola Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña

Unha parte do local social habilitouse para tal fin, mentres que o resto das instalacións continuarán a usarse, como sempre, para a realización de cursos e actividades

A A.V.V. de Veigadaña decidiu que unha parte do local da asociación sexa empregado como Albergue de Peregrinos, ó atoparse o edificio ubicado en pleno Camiño Portugués a Santiago de Compostela; e precisar o Concello de Mos de máis prazas de albergue posto que, ata o de agora, tan só existía un único albergue de peregrinos.

A relevancia da creación deste novo albergue radica, en primeiro lugar, en que será un importante motor para o barrio da Veigadaña, xerando na zona un movemento que repercutirá positivamente no aumento do consumo, creación de postos de traballo, etc. En segundo lugar este albergue serve de reforzo ó de Santa Baia, na parroquia de Mos, que soe estar desbordado ó tratarse do único Albergue de Peregrinos existente no municipio mosense ata o de agora; polo que beneficiará, en xeral, a todo o Concello e a tódolos camiñantes que desexen facer parada e pernoctar en Mos. 

O albergue permanecerá aberto diariamente en horario de 13.00 horas a 22.00 horas cando non haxa peregrinos aloxados, mentres que se hai peregrinos abrirase a primeira hora da mañá para dar servizo de almorzos.

Durante o presente ano 2015 o albergue da Veigadaña permanecerá aberto durante a tempada alta de peregrinaxe a Santiago, isto é, ata finais de outubro aproximadamente.

Os usuarios destas instalacións contan, ademais de con servizo de aloxamento, con cafetería, posibilidade de selado da cartilla para a obtención da Compostelana e material gráfico con información turística sobre o Camiño de Santiago Portugués, sobre a provincia de Pontevedra e sobre o Concello de Mos.