Alcaldesa e goberno local retoman as reunións polas parroquias, que en 2020 non se puideron celebrar pola pandemia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

IMAXE dalgunha das últimas reunións celebradas nas parroquias en 2019, antes do inicio da pandemia da COVID-19.

 

A crise sanitaria da COVID-19 impediu que o ano pasado se celebrase a habitual ronda anual de xuntanzas parroquiais nas que se analizan proxectos de futuro, repásanse proxectos acometidos, en marcha, ou pendentes, e abórdanse prioridades e necesidades a ter en conta que a veciñanza asistente pode aportar

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou hoxe que mañá retomaranse as habituais reunións do goberno local polas parroquias, tras máis de ano e medio de crise sanitaria da COVID-19.

Ven sendo de habitual desde que Arévalo é rexedora local mosense a realización dunha ronda anual de xuntanzas polas 10 parroquias do muncipio, co obxectivo de recoller e tomar notas das suxerencias, demandas e necesidades da veciñanza.

A iniciativa, que antano levou por nome ‘A alcaldesa responde na túa parroquia’, leva a alcaldesa e concelleiros/as aos diferentes locais parroquiais co obxectivo de comentar proxectos de futuro de interese para cada parroquia e repasar proxectos acometidos, en marcha, ou pendentes; así como abordar prioridades e necesidades a ter en conta.

Sobre a recuperación desta ferramenta de comunicación directa coa veciñanza, Nidia Arévalo declaraba esta mañá sentirse “moi leda e satisfeita de retomar as reunións do equipo de goberno polas parroquias e poder charlar fronte á fronte cos meus veciños e veciñas sobre temas de gran interese tanto para eles como para a administración local mosense, tras máis dun ano e medio afastados e comunicándonos desde a distancia que nos marcaban os protocolos sanitarios. E de poder retomar estas xuntanzas nunha situación moito máis optimista respecto da pandemia e con medidas de prevención xa máis suaves”.

Todas as reunións celebraranse ás 20.00 horas da tarde para que non interrompan nin coincidan coa xornada laboral da veciñanza. E a parroquia pola que comezarán mañá será a de Guizán, onde o local do Plantel será esceario da xuntanza. A seguinte reunión programada é a da parroquia de Sanguiñeda, que se celebrará o vindeiro xoves, 21 de outubro. As xuntanzas iranse programando semanalmente a razón de unha ou dúas reunións por semana, ata completar as 10 parroquias.