Alcaldesa e grupos políticos da Corporación prepáranse para o primeiro Pleno virtual do Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

– Celebrarase o 27 de abril e estase traballando para que poida ser visionado en directo

– Hoxe todos os membros da Corporación Municipal realizaron unha formación simultánea, unha especie de ensaio ou simulacro, para estar preparados para a vindeira sesión plenaria

 

Os 17 membros integrantes da Corporación Municipal mosense, a alcaldesa, Nidia Arévalo, e concelleiros dos grupos de goberno e oposición: Partido Popular, e PSOE, GañaMos e BNG, respectivamente, recibiron hoxe ás 13.00 horas unha formación a través da plataforma da administración electrónica municipal, Gestiona, para celebrar o Pleno do Concello por videoconferencia o vindeiro 27 de abril ás 10.00 horas. Será o primeiro Pleno virtual da historia do Concello de Mos.

Tratouse o desta mañá dunha especie de ensaio ou simulacro da próxima sesión plenaria para que todos os seus membros coñeceran en detalle a mecánica da aplicación, así como do desenvolvemento do Pleno, tendo en conta as circunstancias especiais dunha celebración on line por videoconferencia, e non presencial.

A plataforma Gestiona habilitou no seu portal unha sección para a celebración de sesións plenarias por videoconferencia que redirecciona á aplicación Zoom e que ademais graba e certifica o Pleno celebrado on line.

Ademais desde o Concello de Mos, en coordinación con Gestiona e a empresa de mantemento do soporte informático municipal, estase a traballar para preparar as necesidades técnicas requeridas para poder retransmitir en directo o Pleno do vindeiro 27 de abril a través das redes sociais municipais: a canle de YouTube do Concello e a súa páxina de Facebook, vinculando tamén a retransmisión ao portal da administración electrónica local, Gestiona, e á Sede Electrónica municipal.