Alumnado mosense fórmase a través do xogo na tenza responsable de mascotas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Multiusos das Pozas acolleu hoxe unha actividade incluída na programación para os centros educativos dentro do horario escolar organizada pola concellería de Educación

Os alumnos e alumnas de terceiro e cuarto cursos de Educación Primaria do municipio, participaron esta mañá no Multiusos das Pozas nunha actividade sobre tenza responsable de mascotas. A iniciativa está incluída na programación para os centros educativos dentro do horario escolar organizada pola concellería de Educación.

O concelleiro de Educación, Camilo Augusto, explicou sobre esta actividade que “mediante a realización da mesma preténdese dende o Concello fomentar entre o alumnado a conciencia cidadá e desenvolver hábitos que favorezan unha actitude responsable cara o coidado de mascotas. Así coma que os cativos coñezan as responsabilidades que implica un animal e os seus coidados para unha tenencia responsable (identificación, esterilización, acudir regularmente ao veterinario…), que aprendan comportamentos cívicos (manter as rúas limpas…) e se conciencien da problemática do abandono e aprendan como recoñecer e actuar ante un caso de abandono e maltrato”. Tamén se lles espuxo aos rapaces e rapazas participantes a realidade das canceiras e dos animais que habitan nelas para conciencialos e promover a adopción de animais, así coma outros xeitos de axuda e colaboración como ser fogar de acollida, voluntariado, etc.

A iniciativa foi impartida por ‘A Casa Grande de Xanceda’, unha pequena granxa ecolóxica situada en Mesía, provincia de A Coruña, que conta con un programa chamado ‘Educando con Malibú’, unha cadeliña rescatada do abandono que agora se adica a educar aos rapaces e rapazas dos centros educativos de Galicia para que sexan responsables coas suas mascotas e a traballar o comportamento cívico e a problemática do abandono. Os nenos e nenas participantes recibirán o diploma de ‘experto/a en animais felices’ ó remate da actividade.

Alumnos e alumnas dos colexios mosenses Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda), Petelos e Pena de Francia aprenderon esta mañá todo o necesario sobre tenencia responsable de mascotas. Explicóuselles que decenas de animais no noso contorno, sofren o abandono por parte dos seus propietarios/as. Outros moitos conviven en fogares onde non se lles presta a adecuada atención.

Educar na tenza responsable de mascotas, previr o maltrato e o abandono animal e dar a coñecer a función social que desenvolven as mascotas na nosa sociedade, é o marco de actuación desta actividade de carácter lúdico e educativo.

O aspecto fundamental deste proxecto é concienciar co xogo, aos participantes, dos dereitos e deberes que temos os/as cidadáns, a través do coñecemento dunha realidade concreta como é a responsabilidade que implica ter unha mascota, prestando especial atención a situacións que derivan no abandono animal e ás súas consecuencias.

Ademais, esta iniciativa pretende ensinar dun xeito práctico e divertido, a importancia que teñen os animais nas actividades diarias da nosa sociedade e a especial achega á mellora da calidade de vida que ofrecen algúns deles como os cans terapeutas, os de asistencia, os de busca e rescate, etc.