Alumnos mosenses de Bacharelato visitan Cans

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta actividade serviu como broche final a un obradoiro de curtametraxe

 

90 rapaces e rapazas, entre alumnos de 1º curso de Bacharelato do IES de Mos e de 2º curso de Bacharelato do Colexio Lar, visitaron hoxe o festival nunha das actividades dentro do horario escolar que organiza a concellería de Educación que dirixe a edil Kely Monzón, quen tamén acompañou ós estudantes na visita desta mañá.

 

Sobre esta iniciativa a concelleira responsable declarou que “o Festival de Cans, celebrado anualmente no Concello do Porriño, veciño do noso, é unha cita alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Neste evento estréanse documentais e longametraxes, teñen lugar coloquios con cineastas e presentacións audiovisuais, e tamén concertos, pasarrúas, concurso de videoclips, desfiles de chimpíns, sendeirismo e todo tipo de actividades lúdicas e culturais. Tendo en conta a súa traxectoria, e despois da boa acollida que tivo polos escolares, este ano quixemos ofertala novamente. Cremos que constitúe unha boa oportunidade para que os nosos escolares coñezan iniciativas de ámbito local que repercuten non só no campo audiovisual, senón na promoción do uso da lingua galega e na dinamización das parroquias e da vida da xente que as acolle”.

 

Os obxectivos que persegue esta actividade son os de colaborar no desenvolvemento da competencia cultural e artística dos escolares do noso Concello, dar a coñecer os recursos e as manifestacións culturais e artísticas do noso contorno, fomentar o espírito crítico entre os escolares, desenvolver nos alumnos/as as habilidades necesarias para apreciar e disfrutar coa arte e con outras manifestacións culturais e proporcionar un espazo de relación e comunicación diferente ao habitual.

 

Durante a visita de hoxe os alumnos/as puideron disfrutar das diferentes actividades que ofrece o Festival de Cans, ademais de coñecer as súas instalacións e ao persoal encargado da organización do mesmo.

 

Por último, salientar que esta actividade concebiuse como broche final do obradoiro de curtametraxe para os alumnos de Bacharelato organizado tamén pola concellería de Educación mosense. O obradoiro constou de formación teórica sobre a historia do cine e de prácticas en técnicas de guión, producción, grabación, montaxe e edición de contidos videográficos.