Ampliación dun mes máis no prazo de pago voluntario das Taxas de Lixo, Saneamento e Vado

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os contribuíntes que non recibiran no seu domicilio os recibos, poden solicitalos na Oficina de Recadación do Concello de Mos

 

Dende a concellería de Facenda e Patrimonio do Concello de Mos que dirixe o edil Óscar Soto infórmase de que o período voluntario de cobranza das Taxas por Recollida do Lixo, Servizo de Sumidoiro e Vados do exercicio económico de 2012 amplíase un mes máis dende a data de hoxe, que era cando remataba inicialmente o prazo.

 

O pago de ditas Taxas, poderá ser aboado previa presentación do correspondente recibo nas seguintes entidades bancarias: Banco Gallego, Novagalicia Banco, Banco Popular e La Caixa.

 

Os contribuíntes que non recibiran no seu domicilio ditos recibos, poden solicitalos na Oficina de Recadación do Concello de Mos. Asimesmo os contribuíntes que estiveran interesados en domiciliar ditos pagos para unha maior comodidade, poden cubrir o impreso de domiciliación que se lles facilitará na mesma Oficina de Recadación do Concello.

 

Por último, o concelleiro Óscar Soto quixo lembrar, a modo de aclaración das informacións verquidas nos medios de comunicación por parte do grupo municipal do BNG sobre este tema, que “a Lei de Administracións Locais non obriga ós Concellos a mandar por correo os recibos das Taxas ós domicilios dos contribuíntes, aínda que o Concello de Mos decida facelo para facilitarlles os trámites ós seus veciños e veciñas”, e insistiu tamén a este respecto en que “a non recepción no domicilio do aviso ou do recibo non exime ós contribuíntes da obriga de pagamento das Taxas”; recalcando ademais para finalizar que de todo isto se informou, a maiores e en tempo e forma, mediante unha nota de prensa que foi publicada en varios dos diarios máis lidos no municipio e mediante un aviso que se colgou na web municipal www.mos.es .

 

Ademais, tal e como xa lle aclarou fai poucos días Óscar Soto ó voceiro nacionalista, o Concello de Mos pode demostrar cun albarán que o certifica, que lle encargou a Correos o envío postal dos seus correspondentes recibos ós 4.300 contribuíntes mosenses que non teñen domiciliado o pago das Taxas; “envíos dos que, a data de hoxe, non recibimos ningunha devolución por parte de Correos”, sentenciou Soto, edil responsable de Facenda.