Amplíase o prazo de preinscrición nos cursos preparatorios das probas Celga

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os interesados en participar poden dirixirse ó CDL mosense ata o 24 de xaneiro

O concelleiro de Formación e Emprego, Oscar Soto Abadín,  informou hoxe da ampliación ata o día 24 de xaneiro do prazo de preinscrición para a participación nos cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3, e Celga 4, que convoca a  Secretaría Xeral de Política Lingüística, con carácter voluntario e gratuito. Amplíase este prazo de inscrición para poder completar un grupo con alumnos suficientes como para que se leve a cabo o curso.

Os Celga serven para certificar un coñecemento de galego a efectos de requisitos ou méritos laborais e académicos. Dende a concellería anímase a tódalas persoas en situación de desemprego ou de mellora de emprego que realicen o curso e as probas, xa que é un elemento que lles facilita a incorporación a determinados traballos ou cursos de formación ocupacional.

Tódolos interesados e interesadas poden preinscribirse nestes cursos ata o 24 de xaneiro. Para elo, deben achegarse ó Centro de Desenvolvemento Local do Concello (CDL) para efectuar a súa preinscrición, acompañando copia do DNI e do título de lingua galega que posúan para identificar así o nivel de Celga ó que poden incorporarse.