Antonio Barros volve a ser a voz de Vigo nos “Recantos de Ouro” de Luar

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O mosense, afincado no Porriño, defenderá a primeira rolda o próximo 4 de Outubro

O artista mosense Antonio Barros representará novamente a comarca de Vigo, que comprende os concellos de: Mos, Porriño, Vigo, Salceda, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Soutomaior, no concurso “Recantos” do programa Luar, da TVG.

Nesta edición especial, co motivo do décimo aniversario do concurso, participarán concursantes destacados doutras edicións, moitos de eles fnalistas e incluso algúns dos gañadores, coma no caso de Antonio. Entre as novedades da dinámica do concurso está que ademáis de interpretar un tema en solitario, os artistas terán que cantar un tema a dúo que tamén será valorado polo xurado do programa.

Tras o inicio da tempada do programa, o pasado día 13 de Setembro, os concursantes enfróntanse nunha primeira fase que dará lugar á eliminación dos catro recanteiros/as con menor puntuación. O turno do representante da nosa comarca será o próximo venres día 4 de Outubro. A súa puntuación dependerá da valoración do xurado, a puntuación do público mediante chamadas telefónicas, whatsapp e votos nas redes sociais.

Antonio Barros, que se dedica profesionalmente á música, compaxinará a súa participación no concurso co seu traballo como cantante de Kubo, un novedoso espectáculo musical da verbena galega. Ademáis está iniciando un proxecto musical coa artista porriñesa iAlma, a piano e voz, que verá a luz o próximo decembro.