Anuncia de Sanguiñeda, unha mosense centenaria máis

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O pasado 15 de febreiro esta muller “traballadora, aberta de mente e avanzada ao seu tempo” cumpriu 100 anos

O Concello de Mos suma unha veciña centenaria máis. Victoria Anunciación -Anuncia- Pampilllón Leiras, que o pasado 15 de febreiro cumpriu 100 anos, recibiu onte pola tarde a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira da parroquia, Begoña Toucedo. Anuncia foi felicitada polas representantes municipais na súa casa na Avenida de Sanguiñeda, xunto coa súa filla, María Esther Carrera Pampillón, a súa bisneta, Raquel Castro Vila, e o Cura Párroco de Sanguiñeda, Víctor Bargiela Bargiela.

Anuncia naceu en Torneiros, O Porriño, en 1920. Só tivo un irmán que lamentablemente faleceu con 7 anos. Prácticamente criouse soa coa súa nai porque o seu pai faleceu moi novo, polo que tivo que traballar moito e moi duro desde pequena.

Con 14 anos casou cun mozo mosense da parroquia de Cela, Evaristo Carrera González, formando un matrimonio moi traballador e moi feliz. Evaristo traballaba en Zeltia e Anuncia mercou unha terneira despois da Guerra Civil para criala e producir leite de vaca. Tiveron dous fillos, Marcial Carrera Pampillón (xa falecido) e María Esther, coa que vive actualmente. Todos os domingos ían en familia ao cine infantil do Porriño. O marido de Anuncia, Evaristo, faleceu de cancro aos 70 anos.

María Esther casou con 20 anos cun mozo de Sanguiñeda e trasladouse a vivir á parroquia mosense. A súa nai, Anuncia, leva xa uns 20 anos aproximadamente vivindo con ela na Avenida de Sanguiñeda.

Anuncia ten xa 4 netos e 7 bisnetos e toda a súa familia coincide en definila como “unha muller moi traballadora, moi aberta de mente e avanzada ao seu tempo, que leía moito e escribía… unha muller de bandeira”.