Ao pé do cañón, voluntarios e traballadores municipais, xunto coa alcaldesa e concelleiros, repartiron hoxe 7.500 quilos de alimentos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As receptoras dos comestibles non perecedeiros e da “Tarxeta Mos Axuda-producto fresco” nos seus fogares foron 86 familias usuarias de Servizos Sociais do Concello

 

Desde o pasado 17 de marzo Mos Axuda ampliou o seu servizo servindo ás persoas do municipio que así o precisen de subministros básicos (alimentación e fármacos) con motivo da crise do COVID-19. Os beneficiarios desta ampliación do servizo son persoas de avanzada idade (de 70 anos en diante), persoas dependentes, persoas que padezan algún tipo de discapacidade ou con mobilidade reducida e veciños/as contaxiados polo COVID-19.

 

Para poder ampliar o devandito servizo, ademais dos habituais voluntarios/as cos que conta Mos Axuda, inscribíronse para formar parte deste voluntariado outros/as cidadáns entre os/as que se atopan a propia alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con concelleiros e concelleiras.

 

Os/as representantes municipais destacaron que “todo este gran número de persoas está ao pé do cañón, tanto voluntarios como traballadores municipais, non dubidaron en arrimar o ombreiro nestes momentos difíciles e lles agradecemos enormemente a entrega total e absoluta a todos e cada un dos integrantes de toda esta cadea humana sen a cal isto non sería posible”.

 

Precisamente hoxe os/as voluntarios/as (de Mos Axuda, os/as novos/as voluntarios/as, os/as de Protección Civil…etc.) e traballadores/as municipais (operari@s, Servizo Municipal de Emerxencias…etc.) realizaron o reparto a domicilio da tarxeta “Mos Axuda-producto fresco” para 86 familias usuarias dos Servizos Sociais xunto con 7.500 quilos de alimentos non perecedeiros doados pola Cruz Vermella ao banco de alimentos de Mos Axuda. Neste reparto de alimentación inclúense productos varios non perecedeiros como aceite, pasta, conservas, cacao soluble, azucre, fariña, tomate frito, galletas… etc. Ademais, do stock xa preexistente no almacén de Mos Axuda, entregaránselle ás familias con nenos/as pequenos/as, potitos e cereais.

Neste senso alcaldesa e concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, agradecéronlle enormemente a súa colaboración tanto ás persoas implicadas no reparto como a Ramón Alonso empresario de transportes e distribucións da empresa Dalot, que colaborou no transporte da mercancía como á Cruz Vermella Española polas toneladas de alimentos doadas.

 

Ao longo do día de hoxe 86 familias mosenses recibiron no seu domicilio, xunto con parte da partida de 7.500 quilos de alimentos non perecedeiros, a tarxeta monedeiro “Mos Axuda-producto fresco” para que poidan adquirir alimentos frescos de primeira necesidade como froitas, verduras, peixe, carne, embutidos… etc. nos supermercados do municipio.

 

Entregouse unha tarxeta por familia cunha contía económica que depende do número de integrantes da unidade familiar, xa que hai unha cantidade monetaria asignada por persoa. A tarxeta é anónima, simplemente co nome do supermercado en cuestión rotulado e cun número de DNI do beneficiario/a asignado, para non xerar prexuízos nin estigmas sociais ás persoas receptoras da mesma. Deste xeito a tarxeta non identifica ao portador/a como usuario dos Servizos Sociais.