Aparece unha burra extraviada en Guizán

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello de Mos faise cargo dela mentres o seu dono non a reclama ou alguén se interesa por adoptala

 

A concelleira mosense de Medio Ambiente, Julia Loureiro, informou hoxe de que o pasado domingo, día 20 de xaneiro, ó mediodía, apareceu na parroquia de Guizán unha burra de cor gris clara, con algunhas partes case brancas, que se atopaba extraviada ou fora abandoada.

 

O animal transitaba desorientado pola calzada, e en varias ocasións estivo a piques de ser atropelada polos vehículos que por ela circulaban nese momento. Finalmente uns veciños da zona retirárona da estrada e fixéronse cargo dela ata a data, que pasou a mans do Concello de Mos, concretamente da concellería de Medio Ambiente, que decidiu publicar este comunicado por se aparece o seu propietario, xa que non ten microchip para poder localizalo, ou, en caso contrario, algún veciño, particular ou asociación está interesado en adoptala.

 

A partir de mañán a burra pasará a estar custodiada nas dependencias do Servizo de Emerxencias Municipal de Mos, á espera de que o seu dono se faga cargo novamente dela, posibilidade que hai que contemplar antes de optar pola opción da adopción.

 

Tanto os interesados en acoller ó animal coma o seu propio dono, poden informarse poñéndose en contacto co departamento municipal que leva este tema chamando ó número de teléfono 661 881 808, ou ben directamente ó Concello ó 986 33 12 00.