Arévalo aposta na distribución de concellerías polo Mos das persoas e a súa convivencia nun entorno sostible

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O novo concelleiro do equipo de goberno, Leopoldo Costas, asume o departamento de Medio Ambiente Sostible; e créase a nova área de Servizos para a Mellora do Entorno Rural e Urbán que leva o edil Baldomero Lorenzo

O goberno de Nidia Arévalo comeza unha lexislatura baseada nun proxecto de xestión no que o primeiro serán as persoas, o Mos das Persoas, no que prime o Benestar Social e as políticas de Formación e Emprego para acadar a taxa cero de paro no municipio e a convivencia da veciñanza nun entorno no que se relacione de xeito sostible.

A folla de ruta de Arévalo para os vindeiros 4 anos inclúe seguir apostando por mellorar Mos para facelo máis habitable cun plan de humanizacións, potenciar o lugar das mulleres na sociedade mosense, loitar por defender cultura, a tradición, a industria, a empresa, o monte, e a auga mosenses. E traballar para que os veciños/as mosenses teñan as mesmas ou máis oportunidades que os que viven noutros municipios, achegando ao Concello de Mos servizos que ata o de agora non existían, como é o caso da Residencia de Maiores e Centro de Día no Rebullón. E seguir a defender o porvir de Mos reclamando, como ata agora, apoio en todas as administracións.

Para a designación de áreas dos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno local celebrarase o vindeiro venres 21 de xuño no Pazo de Mos o Pleno de Organización da Corporación Municipal no que se dará conta da constitución de grupos políticos, integrantes e voceiros.

A alcaldesa (que seguirá a levar persoalmente á Policía Local) resolverá no mesmo o nomeamento de Tenentes de Alcalde, membros da Xunta de Goberno Local e delegacións de competencias. Os Tenentes Alcalde son Camilo Augusto Martínez, tamén concelleiro de Desenvolvemento urbán e revalorización de espazos públicos, Vías e obras, e Coordinación coas Asociacións Veciñais; e Alberto Méndez Lago, edil de Urbanismo, Patrimonio, Facenda, Contratación, Transparencia e bo goberno.

Pola súa banda Julia Loureiro Campo leva as carteiras de Promoción económica, desenrolo empresarial e emprego, Mobilidade, Educación, Persoal e Réxime Interno. Leopoldo Costas Alonso leva Emerxencias, Medio Ambiente sostible, Novas Tecnoloxías e Mocidade. Begoña Toucedo Rodríguez dirixirá os departamentos de Participación Cidadá e Deportes. Baldomero Lorenzo García leva a nova concellería de Servizos para a mellora do entorno rural e urbán. Sara María Cebreiro Alonso continúa coas carteiras de Política Social, Igualdade, Cultura e turismo. E pola súa banda, Gonzalo Alonso Táboas, será o responsable de Alumeado e eficiencia enerxética e Recollida de residuos.

En canto á proposta de recoñecemento de dedicacións exclusivas totais ou parciais destaca o aforro en salarios dos membros do goberno municipal. Este aforro será posible xa que o número de dedicacións exclusivas redúcese de 5 a 4, e non hai ningunha dedicación parcial (ó igual que na lexislatura pasada).

As catro dedicacións exclusivas corresponderán á rexedora local e a tres concelleiros: Sara Cebreiro, Julia Loureiro e Baldomero Lorenzo.

Na sesión plenaria extraordinaria que se levará a cabo o vindeiro venres tamén se determinará a periodicidade das sesións do Pleno, que se convocará como se viña facendo ata o de agora mensualmente, o último luns de cada mes ás 10.00 horas da mañá no Pazo de Mos. Pola súa banda, a periodicidade das sesións da Xunta de Goberno Local será semanal e estará integrada, ademais da alcaldesa, por Leopoldo Costas, Begoña Toucedo, Gonzalo Alonso, Camilo Augusto e Alberto Méndez.