Arévalo espera que esta semana se produzan detencións no caso dos recibos falsos da auga

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa lamenta que se recurra á suplantación dunha administración pública con fins partidistas

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, compareceu no Concello en rolda de prensa acompañada polo Xerente do Consorcio de Augas do Louro, Rufino Rodríguez, e polos membros do seu equipo de goberno para informar sobre os recibos falsos por subministro de auga dirixidos aos usuarios de traídas privadas.
O pasado domingo tívose coñecemento da existencia na oficina de Correos de Mos dos devanditos recibos, que referían o cobro de importes de entre 200 e 400 euros. Dende o Concello interpúxose esa mesma tarde a pertinente denuncia perante a Garda Civil, que retivo as cartas na oficina bloqueando o seu envío. Sen embargo as misivas comezaron onte a chegar igualmente aos domicilios de particulares mosenses.
Neste sentido a rexedora local mosense informou de que “a empresa emisora do recibo, Aquamos, é un fraude, non existe; e o recibo emitido é falso e non corresponde a ningún cobro oficial do Concello. Suplántase a identidade da administración local mosense, da Xunta de Galicia e do Consorcio de Augas do Louro cometendo un suposto delito de extrema gravidade co único obxectivo de crear alarma social no que é unha auténtica campaña de acoso e derribo contra a miña persoa. É lamentable que se faga este tipo de campaña con fins partidistas para conseguir votos mediante a suplantación dunha administración pública”.
Campaña de acoso e derribo inaudita en Mos en toda a historia da democracia, que ten comezado xa fai meses e na que agora se deu un paso máis co envío destas ‘cartas bomba’ coas que se pretende facer crer aos beneficiarios das comunidades de usuarios de auga privadas que o Concello e a súa alcaldesa queren perxudicalos cobrándolles un recibo de, nalgúns casos, preto de 400 euros.
Arévalo espera que esta semana se produzan detencións e pídelle aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que investiguen este suceso ata as últimas consecuencias e que se faga pública a indentidade dos responsables antes das eleccións municipais do vindeiro domingo 26 de maio.