Arranca a campaña solidaria de Nadal de recollida de alimentos coa primeira doazón dunha das empresas colaboradoras

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Nadal Solidario de Mos Axuda permitirá que 80 familias mosenses poidan gozar tamén das datas navideñas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade mosense, Sara Cebreiro, visitaron esta mañá as instalacións da empresa Darlim no Polígono da Granxa para recibir de mans do seu director, Indalecio Cuevas, a aportación de alimentos coa que cada ano esta empresa de productos de limpeza colabora na campaña de Nadal Solidario de Mos Axuda.

Nadal Solidario é unha campaña anual de recollida de alimentos que o Concello de Mos organiza para que ningunha familia mosense quede sen celebrar as festas navideñas.

Ademais de Darlim, na campaña de doazón por parte das empresas cóntase coa incondicional colaboración da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, e moitas outras empresas que, edición tras edición, participan neste programa.

A recollida faise extensiva tamén aos colexios de Mos, ao Instituto, ás asociacións veciñais e culturais e ó Belén do Pazo de Mos; onde as persoas interesadas en colaborar con esta campaña solidaria poderán depositar a súa doazón de alimentos ata o vindeiro día 19 de decembro.

Ademais, o vindeiro sábado 14 de decembro, en 4 supermercados do municipio, Eroski, Gadis, Lidl e Día, ao longo de toda á xornada en horario de apertura das devanditas superficies comerciais, quen queira colaborar pode facer a súa aportación a esta campaña.

A maiores este ano esta campaña solidaria conta cunha novidade, unha nova empresa colaboradora, o restaurante Tapra en Peinador, que conta cun mercadiño de xoguetes de segunda man nas súas instalacións e destinará todo o recadado pola venda dos mesmos tamén a Mos Axuda.

Grazas a todas estas aportacións as familias beneficiarias poderán celebrar o Nadal como merecen.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declararon esta mañá durante a recollida en Darlim que “dende o Concello estamos moi agradecidos e satisfeitos de como arranca a campaña de doazón de alimentos deste ano”, e aproveitaron a ocasión para “agradecer a colaboración cidadá dos veciños e veciñas de Mos que, edición tras edición, veñen a demostrar que Mos é un pobo solidario”.

A rexedora local mosense e a edil de Política Social explicaron que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todas as familias de Mos poidan gozar destas festas”.

A entrega dos alimentos recopilados grazas a esta campaña ás familias beneficiarias realizarase na sede de Mos Axuda, sita en Puxeiros, o vindeiro día 20 de decembro.

En total son 80 familias usuarias dos Servizos Sociais municipais, que en número total de persoas poden alcanzar preto de 300.