As instalacións mosenses de Emerxencias na Veigadaña en proceso de homologación para impartir dous cursos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Serán un dos poucos centros homologados deste tipo da área de Vigo

 

O concelleiro de Formación e Emprego mosense, Óscar Soto, informou hoxe de que se está tramitando o proceso de homologación das instalacións do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, sitas na Veigadaña, para poder impartir nelas dous cursos ou programas formativos da consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia con títulos ‘Atención Sanitaria a Múltiples Víctimas e Catástrofes’ e ‘Axudante Técnico en Protección Civil’.

 

Preténdese deste xeito homologar as citadas dependencias municipais para poder impartir nelas ambas accións formativas, xa que as instalacións do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos contan coa infraestrutura ideal para desenvolver nela os dous cursos xa que dispoñen de aulas, material propio da xestión de emerxencias, e zona verde exterior; todo de necesidade capital á hora de impartir estes cursos, pois se trata de programas formativos teórico-prácticos.

 

Unha vez homologado o centro mosense e concedidos ambos cursos ó Concello de Mos pola consellería de Traballo e Benestar, estes serán impartidos por profesorado e persoal docente cualificado e durante o transcurso dos mesmos o alumnado poderá tamén facer uso en todo momento, para familiarizarse con el e aprender a empregalo correctamente, do material do que dispón o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.

 

Sobre a posibilidade de que estes dous cursos se impartan próximamente en Mos, unha vez acadada a homologación polas dependencias municipais do Servizo de Emerxencias, o edil Óscar Soto declaraba esta mañá que “sería umha moi boa noticia para Mos e unha gran e moi positiva oportunidade para os veciños e veciñas do municipio que se atopan no paro, xa que ambas accións formativas van dirixidas a persoas en situación de desemprego”.

 

Detalles dos cursos

 

O programa formativo titulado ‘Atención Sanitaria a Múltiples Víctimas e Catástrofes’ pretende formar ó alumnado para colaborar na preparación e na execución de plans de emerxencia e de dispositivos de riscos previsibles, así coma na organización e no desenvolvemento da loxística sanitaria ante unha emerxencia colectiva ou catástrofe, prestando a atención inicial a múltiples víctimas e aplicando técnicas de apoio psicolóxico en situación de crise. As futuras saídas profesionais para os estudiantes deste curso poderían ser técnico en emerxencias sanitarias, axudante de emerxencias sanitarias, axudante en transporte sanitario urxente con equipos de soporte vital avanzado, axudante de unidades de asistencia sanitaria ó desastre ou de unidades de loxística sanitaria en catástrofes, axudante de salvamento e rescate e axudante en cooperación internacional.

 

O curso de ‘Axudante Técnico en Protección Civil’ forma ó seu alumnado en realización de labores de intervención ante a aparición dun sinistro como auxiliar dos Servizos de Salvamento e Forzas de Seguridade do Estado. Durante o mesmo abórdanse as técnicas de intervención en emerxencias de orixe natural, tecnolóxico, criminal, epidemias e plagas, bloqueo de vías de circulación, masas en grandes concentracións e evacuacións.