As Meninas do club Baila-Mos subcampioas galegas de Danza Coreográfica

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As bailarinas adestradas pola mosense Patricia Martínez acadaron o título o sábado pasado en Pontevedra

O pasado sábado 18 de maio celebrouse en Pontevedra o Campionato Galego de Danza Coreográfica no que o grupo As Meninas do club Baila-Mos, adestrado pola bailarina mosense Patricia Martínez, proclamouse Subcampión Galego na categoría Junior Territorial Iniciados.

Hai tan só 3 meses que comezaron a competir e dende entón todo foi vento en popa, xa que o pasado 17 de marzo triunfaban no seu debut en competición conseguindo o 2° posto contra a Absoluta Territorial, e o 1° posto na súa categoría Junior nunha competición puntuable para o ranking nacional que se celebraba na Estrada.
Tras este primeiro éxito acadan agora nada máis e nada menos que o subcampionato galego.
Sobre As Meninas a súa adestradora, Patricia Martínez, declara que “hoxe en día o máis difícil é dar o paso para competir, e o seguinte manterse. Todo empezou como unha aventura para elas e un obxectivo cumprido para min, desde que saíu esta nova modalidade na FEBD (Federación Española de Baile Deportivo), sempre quixen formar un equipo de Danza Coreográfica pero compaxinar as idades e o nivel era súper difícil. Das 6 nenas que compoñen As Meninas, só hai unha que competise en Baile Deportivo a nivel nacional, o resto pouco máis que bailar nas exhibicións de Festa de Fin de Curso do Club, que non é por quitarlles mérito, pero unha cousa son os shows nos que bailas para gozar ti e para que goce o público e outra cousa é competir. Ademais por suposto de que en competición hai 5 xuíces poñéndoche unha nota”.

“Pola miña banda”, continuaba Martínez, “estou moi contenta e orgullosa de cada unha delas. Demostráronme que cando queren, poden, a pesares da complicación da idade, xa que é difícil que un adolescente se centre nun deporte seriamente, pero elas lográrono”.

“Entran en pista e crécense, actitude inmellorable, humildes pero guerreiras cando toca selo, seguindo o meu propio lema de 20 anos de carreira: ‘fóra de pista, a máis humilde; dentro de pista, a morrer”, concluiu Patricia Martínez.