As mulleres de Mos conclúen “Xuntas no Camiño” na Praza do Obradoiro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As mosenses fixeron o Camiño de Santiago, concluíndo hoxe na Catedral de Santiago de Compostela tras 5 xornadas camiñando, para conmemorar o 8 de marzo e reivindicar o papel da muller na sociedade

Hoxe ás 16.00 horas produciuse a chegada das mulleres participantes na iniciativa “Xuntas no Camiño” á Catedral de Santiago de Compostela na Praza do Obradoiro.

Este grupo de 73 mulleres mosenses, entre as que se atopan a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Cultura e Turismos, Sara Cebreiro, e a edil de Participación Cidadá, Julia Loureiro, fixo o Camiño de Santiago dende Tui ata Santiago de Compostela para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebrou o pasado venres 8 de marzo. Os obxectivos deste Camiño son reivindicar o papel da muller na sociedade, facer valer os seus dereitos e rexeitar e denunciar calquera tipo de violencia machista contra elas.

As 70 beneficiarias da actividade son mulleres de Mos maiores de 18 anos que realizaron o Camiño de Santiago dende Mos en 5 etapas. Cada etapa tivo saída e regreso en autocar dende o Pazo de Mos.

O día 8 fíxose a etapa Tui – Mos (de 9:00 a 14:00 h) o día 9 Mos – Pontevedra (de 9:00 a 17:00 h) o día 10 Pontevedra – Caldas (de 9:00 a 17:00 h), o día 11 Caldas – Padrón (de 9:00 a 17:00 h) e hoxe día 12 Padrón – Santiago (de 9:00 a 16:00 h).