As mulleres de Mos reivindican o seu espazo na sociedade cunha andaina

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

200 persoas percorreron o paseo do Louro xunto coa Secretaria Xeral de Igualdade e representantes municipais

Esta tarde celebrouse o acto central conmemorativo do Día Internacional da Muller do Concello de Mos que comezou cunha andaina polo Sendeiro Ecolóxico do Río Louro partindo do Parque da Pesqueira, na parroquia de Mos. Estiveron presentes Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social de Mos, membros das Corporación Municipais de Mos, O Porriño e Redondela e as mulleres protagonistas do cartel deste ano deseñado con motivo do Día da Muller. O acto congregou a 200 persoas de todas as idades, homes e mulleres, nenos/as e adultos.

Este paseo, que resultou ser multitudinario, organizouse como símbolo da reivindicación feminina do seu espazo na sociedade, como un grito unánime das mulleres de Mos para que se escoite a súa voz, para que se oia e se visibilice a súa valía persoal, profesional e social.

Tras a andaina polo Sendeiro Ecolóxico do Río Louro, os participantes na actividade dirixíronse ao Pazo de Mos, onde se produciron as intervencións da alcaldesa, Nidia Arévalo, da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a conferencia a cargo de Alba Alonso Feijoo. A charla de Alba Alonso, especialista en igualdade, estivo titulada “Necesitamos nenas valentes e nenos sensibles”.

Cartel

Mos considera ás súas mulleres o corazón do Concello, por iso este ano, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, quíxolles render ás súas veciñas máis destacadas unha homenaxe moi especial, ser a imaxe do cartel da programación. Para elo 20 mulleres mosenses de relevancia e destacadas en diferentes ámbitos como o cultural, social, educativo, deportivo, empresarial, a moda, etc. prestaron a súa imaxe para promocionar o pulo feminino do que goza Mos aproveitando a celebración do Día da Muller.

Estas mulleres son a presidenta actual e a expresidenta e fundadora de Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos), Asun e Maruja, respectivamente; as campionas deportivas Patricia Martínez (Baile Deportivo), Susana Alonso (Ciclismo de Montaña) Soledad Castro (Atletismo) e Celia Iglesias (Natación); a empresaria Pili Carrera, a poeta María Magdalena, a cantante Uxía; Silvina, integrante do grupo Malvela; Lorena, monitora da Piscina Municipal; Marta, Policía Local (a primeira e única Policía Local muller de Mos); Mariví da directiva da Asociación de Mulleres Rurais, Ángeles Lorenzo a directora da Banda de Música Xuvenil de Torroso, María José a coordinadora de Mos Axuda, a irmá Ascensión das Escravas da Virxe Dolorosa de Petelos, Begoña Pérez Vila, ex directora e actual profesora do IES de Mos, a deseñadora de moda Elena Rial e Maribel Lorenzo, voluntaria da Agrupación de Protección Civil de Mos.

Sobre elas a rexedora local e edil de Política Social declararon sentirse “orgullosas de contar en Mos cun repertorio tan variado de mulleres de éxito, referentes en distintos ámbitos, pero todas exemplo de traballo, esforzo e superación que merecen ser recoñecidos e honrados”, aseguraron Arévalo e Cebreiro.

Outros actos

O programa do Día Internacional da Muller 2017 inclúe tamén o musical “La Calderona” do actor mosense Pablo Paz, pregoeiro das Festas da Rosa 2013, e da actriz Natalia Calderón. Será o sábado 11 de marzo ás 21.00 horas no auditorio do Centro Dotacional de Torroso e as entradas están xa todas esgotadas.

Tamén ese mesmo día, o sábado 11 de marzo, o Concello de Mos e a Asociación de Palilleir@s de Mos organizan conxuntamente e coa colaboración da Fundación Pazo de Mos a III Xornada Multilabores en horario de 10.00 horas a 19.00 horas. Será no Pazo de Mos e ao longo da mesma impartiranse cursos de iniciación en diferentes disciplinas tales coma punto de cruz, calceta, patchwork, pintura en tea, filtiré, etc. A inscrición previa pódese facer a través dos teléfonos 616 918 164, 675 310 658 e 608 885 094.