Asodifisi celebra as súas vixésimo primeiras Xornadas sobre Discapacidade

Escrito por admin. Posteado en Actualidade

Terán lugar mañán a partir das 17.00 horas no centro que a Asociación ten en Torroso

A Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, celebra as súas XXI Xornadas sobre Discapacidade que se celebrarán no centro que a asociación ten en Torroso mañán, sábado 24 de novembro, a partir das 17.00 horas e contando coa presencia da alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a deputada provincial Marta Iglesias e a concelleira de Benestar Social do Concello de Mos, Sara Cebreiro.

Tras a presentación ó inicio do acto, ás 17.15 horas dará comenzo unha mesa redonda na que se abordarán os temas “O pé, ese gran descoñecido”, “Cambios posturais e control de esfínteres” e para finalizar a mesa levarase a cabo o obradoiro “Salvacorazóns” impartido pola doutora Begoña Porrit Lueiro, médico de familia do Centro de Saúde de Mos.

Ás 19.00 horas celebrarase a clausura do evento, tras a cal actuará o paiaso Popín e os participantes nas Xornadas recibirán agasallos dos obradoiros celebrados durante o ano.