Asodifisi e ASOMAMOS contarán con pantallas faciais de protección individual doadas pola empresa mosense Neonarte

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A doazón do empresario Alberto Taboada chegou a través da iniciativa Pulso Solidario e foi recollida esta mañá pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro Álvarez, recolleron na empresa mosense Neonarte unha doazon de pantallas de protección individual realizada a través da iniciativa Pulso Solidario e que son destinadas ás asociacións mosenses de diminuídos físicos e psíquicos; e de maiores, pensionistas e xubilados, Asodifisi e ASOMAMOS, respectivamente, que as recibirán o luns.

Alberto Taboada, empresario fundador de Neonarte, doou ao Concello de Mos estas 60 pantallas de protección individual. A empresa Neonarte naceu no ano 1988 fundada por Alberto Taboada e o seu pai e leva instalada en Mos fai xa case 20 anos. Trasladáronse a Mos no ano 2001 e dedícanse a deseño, fabricación e instalación de imaxe corporativa para empresas.

Taboada asegura que “o que nos caracteriza é a realización de proxectos a medida comezando polo deseño e seguindo pola fabricación, montaxe e mantemento da imaxe para empresas, dispoñendo do material e a maquinaria máis avanzados, así como un equipo humano moi importante e moi novo, que se caracteriza pola súa xuventude, dinamismo e innovación”. Na súa plantilla contan con 8 traballadores veciños mosenses.

Neonarte é unha empresa emprendedora interesada na creación de novos productos e patentes, (que xa viñan facendo noutras ocasións) e a idea das pantallas faciais de protección individual surxiu porque sempre lles gustou innovar e facer proxectos distintos e cando surxiu a crise sanitaria do COVID-19 pensaron en buscar unha fórmula para intentar primeiro protexerse eles mesmos, ao equipo de traballadores de Neonarte, e logo pensaron que sería interesante tamén para protexer á poboación xeral; xa que os seus propios clientes ao velos traballando con elas comezaron a demandarllas, así como tamén lles pedían mamparas de metacrilato para mostradores de atención ao público.

O deseño e a fabricación destas pantallas faciais son propios de Neonarte, que xa rexistrou o seu modelo de pantallas, que ademais contan co distintivo CE. Son fabricadas en Mos 100% a través do sistema de mecanizado, constando de 2 pezas fundamentais: o arnés de agarre á cabeza feito en PVC de 10 milímetros que se realiza nunha fresadora CNC, e a pantalla facial de policarbonato de 1 milímetro, que vai cortado a láser.

Neonarte leva distrubuídas máis de 5.000 unidades deste producto desde fai mes e medio. Alberto Taboada, ademais de ter ubicada a súa empresa en Mos, tamén vive en Mos, e como veciño decidiuse a colaborar coa iniciativa Pulso Solidario con esta doazón que pretende facer unha aportación para paliar o desabastecemento de EPIS; e en especial axudar aos colectivos máis vulnerables ante o virus, como poden ser as persoas con discapacidade e os maiores do municipio. Por iso se decidiron a poñerse en contacto con AEMOS e botar unha man nesta iniciativa dentro das súas posibilidades.