Asodifisi realiza a vixésimo terceira edición das súas Xornadas sobre Discapacidade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Terá lugar o vindeiro sábado pola tarde nas instalacións do centro da parroquia de Torroso

 

A Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, organiza as súas XXIII Xornadas sobre Discapacidade que terán lugar o sábado 25 de outubro a partir das 17.00 horas da tarde nas instalacións das que a Asociación dispón na parroquia mosense de Torroso.

 

A presentación do acto correrá a cargo da actual presidenta de Asodifisi, Asunción Monroy Carrera, así coma da anterior, María Carrera Rodríguez; e ademais intervirá a edil de Benestar Social do Concello de Mos, Sara Cebreiro. A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, estará tamén presente nestas xornadas.

 

Ás 17.15 horas dará comezo unha mesa redonda moderada pola doutora rehabilitadora Flor Pérez, na que se tratarán os temas da artrite reumatoide pola doutora Inmaculada Castro Burón, médica especialista en rehabilitación; e da medicina alternativa da dor pola doutora Svetlana Naoumtcmik, médica rehabilitadora.

 

A clausura do acto chegará ás 19.00 horas a cargo da deputada Marta Iglesias, presidenta da Comisión Informativa de Benestar Social e Muller da Deputación de Pontevedra. Para rematar, realizarase unha entrega de agasallos ós alumnos e alumnas do centro seguida dunha actuación do gaiteiro mosense Xulio Lorenzo.

 

Por último o catering Jorge Lorenzo ofrecerá un chocolate con rosca ó que estarán convidados todos os asistentes.