Beirarrúas Camiño de Vilanova

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Obras

DSC_0675O Concello dota de beirarrúas a baixada do túnel que vai á Porteliña

 

As obras realízanse no Camiño de Vilanova, onde tamén se colocarán dous pasos de peóns

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, e o tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, supervisou esta mañá as obras que se están a acometer no Camiño de Vilanova, parroquia de Petelos, na baixada do túnel que vai á Porteliña.

 

Os traballos, que comezaron fai tres días e que se están a realizar con medios propios da concellería de Vías e Obras, consisten en labores de cara á mellora da seguridade viaria na zona, sobre todo para os peóns. Concretamente as obras consisten na instalación de beirarrúas e de dous pasos de cebra.

 

O vial obxecto da mellora trátase dunha rúa moi transitada a pé polos veciños e veciñas da zona, posto que dá acceso á Igrexa e ó cemiterio de Petelos, así coma ás dependencias do Concello de Mos.

 

Os representantes municipais amosáronse hoxe satisfeitos polo óptimo desenvolvemento e boa marcha das obras, que estarán rematadas nun breve período de tempo. Así mesmo declararon que “estes traballos eran moi necesarios e beneficiarán a moitos habitantes de Petelos, polo que a satisfacción de poder levalos a cabo é dobremente maior”.