BENTELER imparte na Axencia de Colocación de Mos cursos con compromiso de contratación

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A empresa, con instalacións no Polígono da Veigadaña, comprométese á inserción laboral do 40% do alumnado

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, visitaron hoxe ao alumnado do curso para BENTELER que celebraba a súa última xornada na Axencia de Colocación de Mos.

Para a realización da presente acción formativa asinouse un convenio de colaboración entre a empresa e a administración local.

A inserción laboral das persoas traballadoras desempregadas e a súa adecuada formación é o obxectivo do convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a empresa BENTELER Automotive Vigo, S. L.U. Coa finalidade de colaborar en materia de formación para o emprego, ambas as partes comprométense a destinar os recursos necesarios para difundir e fomentar a mellora da empleabilidad, a mellora de competencias profesionais no ámbito da industria 4.0., e a creación de postos de traballo.

O Concello de Mos, a través das políticas activas de emprego que desenvolve, facilita ao tecido empresarial do municipio e municipios limítrofes, e ás persoas traballadoras desempregadas do municipio, a posibilidade de intermediación entre os mesmos en actuacións de formación para o emprego, prácticas pre-profesionais e preselección de perfís adecuados ás necesidades das empresas. O Concello de Mos, así mesmo, fomenta a promoción económica e o desenvolvemento empresarial no municipio, e é por isto, que desde, o 23 de febreiro de 2018 a entidade está adherido á iniciativa “Concellos Doing Bussiness Galicia- Concello Emprendedor”, o que significa a vontade manifesta do apoio ao tecido empresarial do concello. Desde o Concello de Mos, foméntase o desenvolvemento de accións formativas para o emprego con compromiso de contratación nas empresas. E de acordo a estas políticas activas de emprego, desenvólvese este convenio que estipula a posta en marcha de 3 accións formativas con compromiso de contratación durante o ano 2019, nas que participarán 15 alumnos/as por cada curso.

O obxecto das accións formativas é a capacitación e cualificación profesional do alumnado que participe nas mesmas, cubrindo a necesidade de capital humano cualificado da empresa BENTELER Automotive Vigo, S. L.U., polo que este Convenio ten un condicionado referente á inserción laboral das persoas que participen na formación.

O total de horas de formación ascende a 218 con temario de estampación transfer, solgadura MIG-MAG, láser, loxística, lean e temario práctico de soldadura, prensa e láser, etc.

Finalizada a formación obxecto do presente convenio, a empresa BENTELER Automotive Vigo, S. L.U. comprométese á contratación laboral do 40% do alumnado que finalizase con éxito a formación, é dicir, que aprobase todos e cada un dos módulos formativos que a compoñen. A contratación efectuarase mediante a realización dun contrato de traballo por un período mínimo de cinco meses.